67 mil razóns para consultar a Galipedia

GalipediaDe libre acceso e aberta a toda persoa que queira prestarlle a súa colaboración, a versión galega da enciclopedia libre en internet.

“Este é un proxecto internacional feito por voluntarios, co propósito de facer unha enciclopedia libre, accesible, colaborativa e de balde en moitos idiomas. O obxectivo é a plena transmisión da sabedoría e o coñecemento sen restricións editoriais nin comerciais. O desenvolvemento da Wikipedia está aberto a toda persoa interesada en contribuír”.

Así o expón no seu cabeceiro a Galipedia, versión en lingua galega da coñecida enciclopedia libre en internet Wikipedia. A versión galega comezou o seu camiño o 8 de marzo de 2003. A piques de cumprir os seus oito anos de vida, acumula, no momento de escribirmos estas liñas, algo máis de 67 mil artigos.

Preto de dous mil usuarios se inscribiron xa na Galipedia. As posibilidades son múltiples: escribir novos artigos, traducir algún desde outra lingua, ampliar algún dos que existe, corrixir grallas, achegar imaxes para ilustralos… Hai tempo, os xestores máis activos da Galipedia propuxeron a campaña “Un artigo ao día”, que lle propón aos internautas elaborar cando menos unha pequena entrada todos os días.

Importante ferramenta educativa
As oportunidades para o uso da Wikipedia no contorno das escolas son moi grandes. Así o explicaba hai tempo para o diario electrónico Vieiros o profesor de galego Miguel Bugallo, que en varias ocasións botou man do proxecto nas aulas. Na súa opinión é unha oportunidade non só para achegar aos alumnos ás novas tecnoloxías, senón tamén para facilitar o acceso dos rapaces aos coñecementos dun xeito máis atractivo.

Investigando, consultado, contrastando e mesmo incorporando información ao proxecto e compartindo entre eles os coñecementos, cóntanos Bugallo do uso en aulas de lingua e literatura, filosofía e outras áreas e destaca a importancia como ferramenta para que os alumnos asimilen máis facilmente os conceptos.

Na casa e na aula, exemplos de como usala?

  • Elaborando contidos sobre o entorno local para subir á Galipedia: sobre o propio concello, un monumento, unha festa, un río, etc
  • Non só textos, aos cativos tamén pode gustarlles facer fotografías relacionadas con artigos da Galipedia e introducir as imaxes para o seu libre uso na enciclopedia
  • Atopando información xa existente e contrastándoa con outras fontes. Vendo no seu caso a posibilidade de axudar a ampliar esa información
  • “Tal día como hoxe” é a sección da Galipedia que recolle efemérides moitas veces útiles con finalidade educativa
  • Na clase de inglés: a versión inglesa da Wikipedia é a máis extensa en entradas. É interesante a navegación paralela de entradas nunha e noutra lingua e dos seus recursos vencellados

Máis información na web da Galipedia

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*