Un programa educativo co que en Boiro as persoas maiores lle explican ao alumnado as experiencias vividas na súa época.
Un dos obxectivos que se persegue con este programa é concienciar ao alumnado da importancia de escoitar, valorar, e aprender coas persoas maiores, xa que estas teñen moito que aportar á nosa sociedade. Ademais, con esta actividade, pretenderase complementar as metodoloxías tradicionais con aprendizaxes e recursos innovadores, así como, estimular a importancia dos contidos da educación non formal. Dende este proxecto apostarase por unha conexión entre familia, escola e comunidade, onde se traballe de xeito cooperativo e colaborativo.
“Memorias de Muller” é un proxecto educativo do Concello de Boiro posto en marcha no IES A Cachada que busca explicar e analizar o papel da muller fai medio século, así como a inmigración existente en Galicia. Levarase a cabo por medio da voz da experiencia de varias mulleres que se encargarán de transmitilo aos alumnos e alumnas participantes.
A través de varias sesións, as avoas de Boiro participantes contaranlle ao alumnado as súas vivencias como mulleres na época na que lles tocou vivir, así como as sensacións experimentadas tras a inmigración que viviron.