‘A Semana das Curtas’: festival audiovisual en rede

A Semana das Curtas': festival audiovisual en rede
A Semana das Curtas': festival audiovisual en rede
Participan máis de 11 mil alumnos duns 80 centros educativos.

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES Audiovisual de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de ENDL, promove un festival audiovisual en rede entre o alumnado que se celebrará do luns 28 de febreiro até o venres 4 de marzo. A dous días do comezo están inscritos ao redor de 11 mil alumnos de máis de 80 centros.

A Semana da Curtas propón a proxección en cada centro educativo participante dun ciclo de curtametraxes galegas en lingua galega que se presentarán baixo o formato dun festival en rede e simultáneo dunha semana estruturado en sesións temáticas de aproximadamente 1 hora de duración cada unha. Cada sesión temática consta de 3 curtas, 1 videoclip dun grupo musical que cante en galego e unha breve peza documental de eufalo.tv, un proxecto colaborativo sobre a lingua e os falantes.

Ao mesmo tempo, habilitouse un espazo web (http://www.semanacurta.com/index.htm) e un blogue (http://semanacurta.wordpress.com) para que o potencial público das curtas poida opinar sobre as distintas pezas. Deste xeito, mozos e mozas poderán establecer contacto entre eles e elas, opinar sobre as filmacións que máis lles gustaron, contrastar opinións con outras persoas e votar pola curta e sesión que máis lle gustou a cadaquén (procurarase realizar unha votación virtual para establecer honorificamente o “Premio do Público”).

O obxectivo deste festival “A Semana das Curtas” é difundir a creación audiovisual galega e fomentar a lingua por medio de linguaxes atractivas para o alumnado. Ao mesmo tempo, servirá para promover entre o alumnado o traballo de directores/as, actores e actrices novos, que en moitos casos están a dar os seus primeiros pasos no ámbito creativo, ao lado doutros máis consagrados como Isabel Risco, Luís Iglesia, Marcos Correa, Xan Cejudo, Mela Casal ou Camila Bossa, entre outros.

Trátase, pois, de visibilizar a creación artística feita na nosa lingua, moitas veces invisible pola sobreoferta dos medios ou polo desinterese da propia administración, ao tempo que pode servir para incentivar o alumnado para que cree os seus propios textos audiovisuais.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*