‘Atopando Compostela’: xogo sobre a toponimia municipal

'Atopando Compostela': xogo sobre a toponimia municipal Proposta educativa sobre a toponimia do Concello de Santiago, dirixida ao alumnado de educación secundaria, co fin de que se familiaricen cos nomes propios dos lugares do municipio no que viven.

Trátase dun xogo sobre a toponimia do Concello de Santiago, recomendado para maiores de 12 anos. Introduce os participantes nunha andaina lúdica e educativa que os achegará ao territorio e aos nomes dos seus lugares.

Movéndose por un taboleiro no que se representa a rosa dos ventos, formúlanse preguntas dalgunha das seis temáticas tratadas: medio, animais, plantas, xente, outros e probas. Por cada resposta atinada polos grupos xogadores, recibirán unha peza dun quebracabezas co mapa do Concello. O grupo que primeiro consiga todas as pezas e as encaixe acertadamente, será o que acade o obxectivo do xogo. Nunha segunda modalidade participan como mínimo dúas persoas, sen taboleiro e sen crebacabezas. Consiste en ir atinando preguntas, continuando ata errar na resposta, gañando o que máis acerte.

Promovido pola Concellaría de Normalización Lingüística, Atopando Compostela foi creado pola empresa Etnoga Patrimonio Cultural, contando coa colaboración de catro especialistas da Asociación Galega de Onomástica: Xosé Ramón L. Boullón, Xulia Marqués, Luz Méndez e Gonzalo Navaza.

A iniciativa foi presentada recentemente pola concelleira de Normalización Lingüística, Guadalupe Rodríguez. A concelleira avanzou que haberá xuntanzas cos equipos de normalización lingüística dos centros educativos composteláns e con bibliotecas e ludotecas para darlles a coñecer o xogo e as súas posibilidades.

Anunciouse tamén que se dispoñibilizará na web municipal unha unidade didáctica de apoio destinada principalmente ao profesorado de educación secundaria.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*