Como lle podes axudar ao teu fillo a durmir mellor?

O sono inflúe no crecemento dos nosos fillos debido a que a produción máxima da hormona do crecemento prodúcese pola noite, pouco despois de que principie o sono máis profundo. Por isto e por un bo funcionamento familiar, convén establecer bos hábitos de sono nas crianzas.

Os problemas de sono dos nosos fillos provocan importantes alteracións no funcionamento familiar e na actividade diaria do neno. Todos os días observamos como un neno que non dorme ben está máis irritable e inquedo, chegando a presentar en idades posteriores alteracións escolares e sociais. O déficit do sono afecta á memoria, á aprendizaxe e á atención, necesitando máis tempo para respostar aos estímulos, dificultando a coordinación motora, a marcha e as actividades manuais tanto en nenos coma en adultos. Os pais dos nenos con problemas de sono poden manifestar hipersomnolencia diurna, sensación continua de fatiga e fallos de memoria, que interfiren na súa vida social e laboral.

A importancia do sono vén dada pola súa influencia tanto no crecemento como na aprendizaxe do neno. Ademais, a consolidación de todo o aprendido é unha das principais funcións do sono.

En total as horas de sono e a súa distribución ao longo do día varía segundo a idade. Convén coñecer os patróns de sono máis frecuentes en cada período de desenvolvemento e axudar así a establecer un bo hábito:

-Un recén nacido pode durmir de 16 a 20 horas cunha distribución similar entre o día e a noite. A maioría dos despertares son para tomar alimento

-A diferenciación entre o día e a noite lógrase entre as seis semanas e os tres meses.

-Entre os 5-6 meses o lactante pode conseguir unha pauta regular de sono, logo de se establecer un ritmo diurno e nocturno estable.

Ao longo do primeiro ano de vida os períodos de sono nocturno aumentan ata acadar 6-8 horas entre os 4 e os 6 meses, mantendo dúas sestas diurnas de duración variable, segundo o temperamento e a contorna do neno. Estes períodos de sestas diurnas diminuirán até case desaparecer arredor dos 3 anos, podendo aparecer algún período de adormecemento durante o día, unificando as horas dedicadas ao sono a un único período nocturno de 10-11 horas en nenos de 5-6 anos.

Os despertares ao longo do soño nocturno son normais e a súa frecuencia varía coa idade. Polo tanto, o obxectivo non é evitar os despertares naturais, senón ensinarlle ao pequeño a iniciar outra vez o soño. Que estes despertares se prolonguen ou que o neno necesite comezar de novo o sono noutro espazo físico, ao lado ou en brazos da nai ou pai, ou cun estímulo luminoso continuo depende de como teña aprendido a durmir. Ensinar a durmir un neno pode compararse con evitar que aprenda a durmir de forma incorrecta.

Podemos axudarlle ao lactante no establecemento do ritmo diurno e nocturno mediante a regulamentación dos estímulos externos, que o neno relaciona co hábito do sono. A exposición a estímulos adecuados permite inciar e manter o sono ao longo da noite. Estes estímulos adecuados axudan a crear un ambiente tranquilo, onde o neno anticipa as accións próximas e isto permítelle unha maior aceptación. A sobreestimulación, sen ningunha pauta coordinada, pode provocar ansiedade, moi contraproducente para o desenvolvemento dun hábito de sono adecuado. Os pais inflúen na adquisición tanto deste como doutros moitos hábitos que serán vitais para o desenvolvemento do neno. A facilidade dun neno para iniciar e manter o sono está influída por diferentes factores, alguns modificables polos seus coidadores, como a exposición luminosa que recibe, a hora á que esperta, os horarios de alimentación, a actividade física que realiza así como do estímulo social recibido antes de que comezase o sono.

Consellos para facilitar o inicio e o mantemento do sono:

-Establecer un horario: Deitalo sempre á mesma hora vai favorecer que o seu ritmo interno lle axude a conciliar o sono. Tamén debemos manter un horario regular á hora de espertar o neno. Os cambios neste horario faranse progresivamente, con intervalos de 10-15 minutos. As sestas non deben ter unha duración superior ás dúas horas, xa que poden influír negativamente no sono nocturno.

-Unha contorna adecuada: Cada habitación do noso fogar debe ter unha finalidade, e os nenos aprenden que han de facer en cada espazo da casa. Intentemos que inicei o sono naquela estancia dedicada a durmir, o dormitorio. Este cuarto debe estar ben ventilado, cunha temperatura entre os 18 e os 22 graos centígrados. Tan prexudicial é o frío coma o calor en exceso, polo que teremos que buscar a vestimenta e roupa da cama que máis se adapte ao temperamento do neno. A luz é un dos principais estímulos para organizar as actividades correspondentes ao día e á noite. As nosas casas deben estar ben iluminadas polo día, garantindo iluminación natural principalmente pola mañá, para posteriormente diminuír na tarde e empregar unha iluminación tenue previa á escuridade da noite. Os ruidos habituais dun fogar é mellor mantelos polo día e crear un ambiente máis relaxado e silencioso durante a noite.

-Alimentación: O número de tomas nos lactantes e o horario establecido para as comidas influirá no inicio e mantemento do sono. O establecemento dun horario regular para a alimentación facilitará o patrón estable do sono en todas as idades. Os lactantes alimentados con leite materna toman con máis frecuencia e por iso os seus despertares para tomar pola noite son máis habituais. As tomas nocturnas poden ser máis breves, evitando a estimulación luminosa e auditiva excesiva. A alimentación e a atención prolongada durante a noite favorecen despertares nocturnos prolongados no tempo. Tanto a sobrealimentación como a fame impiden que o neno teña un sono adecuado.

-Costumes de inicio do sono: Facemos mellor aquello para o que estamos preparados, e o sono non é unha excepción. O neno durmirá mellor se mantemos estables os costumes previos. É bo unha sucesión de actos que finalicen deixándoo no berce para que principie o sono. A separación do pai ou nai pode ser igual de dorosa, pero o día a día fai que o neno se dea conta de que ao igual que noutras situacións os pais seguen con el. Debemos conseguir que o neno relacione o dormitorio co sono. Algúns obxectos como un boneco, un dispositivo de luz tenue, unha mantiña, poden axudarlle a esta aprendizaxe. Os obxectos relacionados co sono deben desprazarse facilmente para podelos levar nas viaxes ou deixalos nas casas de familiares. Se o neno inicia o sono collido da man do pai, cando esperte entre dous ciclos naturais do sono, vai requerir esa man sempre ao seu lado para iniciar outra vez o sono. Dos pais depende deixar esa man sempre ao lado do neno.

Ao igual que os adultos non durmimos igual de ben todos os días, os nosos fillos poden durmir ben case todos os días pero isto non quere dicir que sempre o fagan, por iso, no sono, ao igual que noutras moitas situacións diarias da vida, o mellor é a firmeza, con moito agarimo e aínda máis paciencia.

*Artigo de Venancio Martínez. Presidente da Asociación Española de Pediatría Extrahospitalaria e Atención Primaria (SEPEAP).

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*