Máis dun cento docentes participan no primeiro Encontro de Equipos e de Docentes pola Normalización Lingüística

O sábado día 12 de marzo a partir das 10 da mañá no IES Xelmírez II de Santiago de Compostela.

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística organiza o primeiro Encontro de Equipos e de Docentes pola Normalización Lingüística. Esta xornada quere servir de espazo de encontro do grande colectivo dos profesionais do ensino que traballa pola normalización da lingua galega nos centros escolares e o seu contorno para seguir ampliando as posibilidades de colaboración co obxectivo de dotar o alumnado da plena competencia lingüística tal e como establece a lexislación. Dende esta conxunción de esforzos, o encontro quere achegar un discurso optimista que revirta na calidade do ensino para lle outorgar ao galego o lugar que lle corresponde de seu na sociedade.

O programa ábrese cunha conferencia inicial de Olga Iglesias, profesora que foi coordinadora dos Equipos de Normalización durante os últimos cursos, con diferentes gobernos, até que presentou a demisión ao final do curso pasado. Na súa charla falará da importancia dos EDLG e da súa proxección cara ao futuro.

A seguir haberá sete relatorios simultáneos, que se realizarán en dúas quendas, e que ao xeito de espazos de intercambio de experiencias entre os participantes abordarán diferentes perspectivas do labor normalizador e dinamizador: a optimización de recursos nos EDLG; a coordinación comarcal como forma máis efectiva de producir e visibilizar o traballo de cada un dos EDLG; as diferentes extratexias para animar a falar en galego en contextos galego-falantes; o papel das novas tecnoloxías na dinamización lingüística; a experiencia coa radio escolar; a dinamización cara a fóra dos centros educativos; e a implicación da comunidadade educativa na normalización lingüística en infantil e primaria.

Estes encontros serán coordinados por docentes de recoñecida traxectoria, a maioría deles con premios de Innovación Educativa ou cos proxectos mellores puntuados pola propia Consellería de Educación. Serán os seguintes: Valentina Formoso, Uxía Acuña, Miguel Louzao, Manuel Rosende, Xosefa Martínez, Manuel Sánchez, Román Cerqueiro, Pilar Ponte, Paco Veiga, Roberto Catoira, Bernardo Penabade, Pura Rodríguez e Belén Escariz.

Para rematar a mañá, Tanxarina Teatro, Mister Misto Films e Reverso Servizos Lingüísticos presentarán as súas propostas de actividades normalizadoras enfocadas ao público de infantil, primaria e secundaria.

Pódese consultar o programa e o mapa de localización do Encontro na web da Coordinadora

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*