Ken Robinson: “O sistema educativo é anacrónico”

A miña experiencia é que a maior parte dos nosos sistemas educativos están desfasados. Son anacrónicos. Creáronse no pasado, nunha época distinta, para responder a retos diferentes.Entrevista no programa televisivo Redes a este experto en desenvolvemento da creatividade.

Eduardo Punset: Hai moitos anos lin algo teu que me fascinou, porque pensei que ninguén dixera antes algo tan sinxelo e tan certo. Dixeches que elevar os estándares de educación non serve de nada se os estándares en cuestión non son válidos ou son incorrectos. E desde entón, tentei ler todo o que escribiches, como Out of Our Minds, por exemplo. ¿Poderías explicarlles aos teleespectadores o teu punto de vista?

Ken Robinson: A miña experiencia é que a maior parte dos nosos sistemas educativos están desfasados. Son anacrónicos. Creáronse no pasado, nunha época distinta, para responder a retos diferentes. Co tempo, volvéronse cada vez máis limitados. En todas partes do mundo hai intentos de reformar a educación, e un dos grandes mantras é que hai que elevar os estándares. E faime graza, porque, por suposto que deberiamos melloralos sempre! pero non serve de nada aumentalos se están equivocados! Por exemplo, na maioría de sistemas, insístese moito en elevar os estándares de matemáticas e de lingua, que por suposto son moi importantes, pero non son o único que conta na educación! As disciplinas artísticas contan, as humanidades contan, a educación física tamén…

Eduardo Punset: Gustaríame saber se é certo que houbo tantos cambios turbulentos, que xurdiu unha disparidade, ou unha gran fenda, entre a educación, por unha banda, e as necesidades individuais das persoas, por outro. Cales son estes cambios?

Ken Robinson: Pois creo que hai varios. Se miramos cal é o propósito da educación, os políticos a miúdo falan de volver ao esencial, ao básico. E creo que hai que facelo, pero primeiro temos que pornos de acordo sobre que é o esencial! Na miña opinión, a educación, desde a gardaría até a formación de adultos, ten en liñas xerais tres obxectivos, ou polo menos debería telos. Un deles é económico. É innegable que una das grandes expectativas que temos sobre a educación é que, se alguén ten estudos, estará en mellor posición para conseguir un traballo, e a economía beneficiarase. Por iso investimos tanto diñeiro na educación.

Eduardo Punset: E agora non é así.

Ken Robinson: O problema é que as economías do mundo cambiaron diametralmente nos últimos 50 anos! O mundo cada vez está máis dominado polos sistemas de información, estamos inmersos nunha economía de servizos e a industria trasladouse fóra de Europa: agora mesmo sitúase moito máis en Asia. Por conseguinte, economicamente, o mundo de agora non ten nada que ver co mundo no que ti e eu medramos. A revolución industrial forxou o noso mundo, pero tamén conformou os nosos sistemas educativos: temos un sistema de educación industrial! É un modelo da educación baseado na produción.

O segundo gran reto educativo é de índole cultural: unha das cousas que esperamos da educación é que axude ás persoas a comprender o mundo que lles rodea e a desenvolver un sentimento de identidade cultural, unha idea sobre o seu lugar no mundo.

Eduardo Punset: Si.

Ken Robinson: Se analizamos os sistemas educativos de todos os países… en España non hai dúbida de que esa expectativa está presente no sistema de ensino: preténdese axudar aos alumnos a coñecer mellor a cultura española, e o mesmo sucede no resto do mundo. É unha gran expectativa da educación. O problema é que o mundo tamén se transformou culturalmente nos últimos 50 anos. Non ten nada que ver co mundo no que medramos: cada vez é máis interdependente, máis complexo, e tamén máis perigoso culturalmente nalgúns aspectos, máis intolerante en certas cousas…

O terceiro gran obxectivo da educación é persoal: sábeno os que teñen fillos pero tamén calquera que estea vivo: unha das cousas que esperamos da educación é que nos axude a converternos na mellor versión de nós mesmos; que nos axude a descubrir os nosos talentos, as nosas destrezas.

E creo que a educación fracasou estrepitosamente nese sentido, posto que moitos acaban os seus estudos sen descubrir o que se lles dá ben, sen pescudar xamais os seus talentos. Moitos pasan pola escola e chegan á conclusión de que carecen de calquera talento! E isto sucede porque, no fondo, temos unha visión das aptitudes moi limitada. Tamén houbo cambios nese sentido…

Vemos pois que hai cambios na nosa noción de intelixencia, pero tamén na cultura, que cambiou e complicouse, por non falar de até que punto se revolucionou economicamente o mundo.

Eduardo Punset: Por tanto, temos pois tres grandes cambios que probablemente explican esta ansiedade que xorde da disparidade entre o mundo educativo e as necesidades económicas, culturais e individuais.

Creo que fuches un dos primeiros do sector educativo en falar da desafortunada división entre ciencias, e a cultura e as artes. E é curioso, porque nós, cando preparamos programas científicos, a miúdo temos que enfrontarnos a un dilema, expómonos que un tema non encaixa ben no que os científicos denominarían temática científica, así que é mellor descartalo. Pero ti afirmas que, como resultado desta escisión entre a ciencia e as disciplinas artísticas, ignoramos un campo fantástico: o da creatividade. A que te refires exactamente?

Ken Robinson: Vexamos, pensemos de novo na educación. A maioría de países non instauraron un sistema de educación pública obrigatoria até mediados do século XIX. Trátase de ideas bastante novas.

Dous factores influíron moito na educación: o primeiro foi a economía industrial, que provocou unha cultura organizativa da educación extremadamente lineal, centrada nos estándares e a conformidade… e o outro gran factor de influencia, na miña opinión, foi a cultura intelectual da Ilustración, que desencadeou na cultura académica da educación. Unha das características do ensino é que hai unha xerarquía de materias nas escolas.

Na maioría de sistemas temos, arriba de todo da xerarquía, a lingua, as matemáticas e as ciencias; un pouquiño máis abaixo están as humanidades, como a xeografía e os estudos sociais, ou a filosofía (cando se ensina)… e debaixo de todo están as disciplinas artísticas.

Hai pouquísimos sistemas educativos (non coñezo ningún, de feito) que ensinen danza co mesmo rigor e sofisticación co que se ensinan matemáticas. Por que hai esta xerarquía? Moitos dirán: «é evidente! Ten que haber unha xerarquía!» Pero, por que? Creo que hai dous motivos, o primeiro dos cales é económico. Crese que as materias que están máis arriba na xerarquía son máis relevantes para o mundo laboral…

Eduardo Punset: …para atopar un traballo.

Ken Robinson: Si. E atópaste con afirmacións como: «non te dediques á arte, xamais serás un artista nin gañarás a vida coa arte», «non fagas música, é moi difícil saír adiante como músico». Así que un argumento é claramente económico. Pero o interesante é que ninguén che di: «Non te centres nas matemáticas, nunca serás matemático» nin tampouco: «esquécete da química, xamais serás químico». Isto débese a que, na nosa cultura intelectual, existe unha asociación entre as ciencias e certo tipo de coñecemento obxectivo. Crese que, ao traballar coas ciencias, trabállase con feitos e certeza, que son as cousas que marcan diferenzas no mundo; mentres que as disciplinas artísticas asócianse cos sentimentos e a expresión persoal, polo que están moi ben para entreterse, pero non son importantes para a economía. A Ilustración e a revolución científica crearon un modelo de intelixencia e coñecemento que imperou na nosa cultura. Desde entón, a arte asociouse coa corrente do romanticismo do século XIX, coa expresión de sentimentos. E creo que é un problema enorme, porque isto disociou o intelecto da emoción, e pasamos a considerar ambas as cousas como separadas, en detrimento tanto das artes como das ciencias. A creatividade pasou a asociarse co artístico e non co científico, porque se cre que a creatividade ten que ver coa expresión individual das ideas. Eu propoño, entre outras cousas, retomar unha concepción da creatividade que nos devolva a relación entre as disciplinas artísticas e científicas, posto que ambas saen prexudicadas da separación.

Transcrición completa da entrevista e vídeo na web de RTVE: Redes – O sistema educativo é anacrónico

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*