Nova Aula da Natureza en Ames

A reconstrución da antiga Escola Unitaria da Ameixenda fíxose intentando conservar todo o aproveitableO lugar de Quintáns, pertencente á parroquia de Ameixenda, acolleu a inauguración da sede da Aula na antiga Escola Unitaria da Ameixenda

O rexedor local, Carlos Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, foron os encargados de abrir á natureza este novo espazo. Un centenar de veciños e veciñas coñeceron de primeira man o edificio e o seu entorno, totalmente integrados no medio.

Úrsula Seijas destacou que “desde o ano 2004 estamos a facer un enorme esforzo por acceder a unha valorización do noso patrimonio natural, facendo partícipes a veciños e veciñas. Estou orgullosa, non só como concelleira, senón como veciña, de que o noso concello sexa un dos poucos que conta cunha Brigada de Garda Ambiental, cun proxecto como o do Monte Escolar, e que aposte por abordar temas ambientais dun xeito positivo, participativo e de acción a través dunha ferramenta creada para tal fin como é a educación ambiental”. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, quixo facer fincapé no feito de que “cando vía a antiga escola unitaria abandonada, case sen uso, doíame a alma. O proxecto de remodelación da antiga escola unitaria de Ameixenda como sede da Aula da Natureza recolle todas as consideracións da Carta Galega de Calidade dos Centros de Educación Ambiental, tanto no deseño das instalacións como no coidado do contorno.

O edificio está dotado dun espazo de recepción e exposición ao público, sala de usos múltiples, un pequeno almacén e un taller que da ao exterior. A inclusión dunha cociña, e aseos con duchas, posibilitará o seu uso para estadías curtas, o que permitirá ampliar a oferta de actividades de educación ambiental. O edificio e o contorno, totalmente aberto para a súa integración na paisaxe, serán unha ferramenta didáctica onde poder apreciar cuestións básicas sobre enerxías renovables, adecuación á paisaxe e reutilización de augas grises. Os moitos veciños e veciñas que se achegaron este domingo á Aula da Natureza xa puideron ver unha exposición temporal sobre os ecosistemas fluviais.

Instalacións
A reconstrución da antiga Escola Unitaria da Ameixenda fíxose intentando conservar todo o aproveitable, como a fachada, a estrutura e a cuberta. Ademais, ampliouse cun módulo que permite contar con máis espazo. Os materiais utilizados na obra foron todos naturais, como a madeira e o cinc, produtos aptos en bioconstrución. En canto á elección do sistema de enerxía, optouse por unha combinación de varias fontes, adecuada ao espazo e uso das instalacións. Dous paneis fotovoltaicos solares alimentan algunhas liñas de iluminación tanto interior como exterior. En canto ao sistema de calefacción, optouse por unha estufa de pellets, procedente do aproveitamento da biomasa forestal. A estas enerxías hai que engadir o feito de que o edificio en si mesmo contribúa a unha maior eficiencia enerxética, grazas ao asollamento e dimensións do aleiro do edificio, que protexe as estancias da incidencia solar directa no verán, pero permite que o sol quente durante o inverno. Na ventilación empréganse as técnicas de ventilación cruzada e ventilación permanente; as aperturas nas ventás dispóñense de xeito intercalado para favorecer a renovación do aire interior, provocando o fluxo natural calor-frío. A zona dos aseos e o taller están ventiladas permanentemente, de xeito que se evitan posibles condensacións e humidades dentro do edificio.

Cometidos da Aula da Natureza
As actividades da Aula da Natureza están estruturadas en catro grandes bloques: programas dirixidos ao público en xeral; programas propostos aos centros educativos do concello; posta en valor, protección e divulgación de espazos de interese natural do concello e campañas de sensibilización.

Con respecto as actividades dirixidas ao público xeral, ademais de actividades xa coñecidas como as xornadas de cogomelos, obradoiros de Entroido ou saídas do proxecto ríos, iniciáronse novos programas como Galicia Natural, onde se busca achegar ás persoas dun xeito lúdico ao coñecemento dos espazos naturais significantes de Galicia. O parque natural das Fragas do Eume ou de Corrubedo e o Xardín Botánico de Lourizán son algúns deste espazos xa visitados. Outras actuacións levadas a cabo pola Aula da Natureza son as xornadas de achegamento á problemática dos varamentos de cetáceos e tartarugas nas costas galegas, as charlas para o recoñecemento de árbores autóctonas ou as saídas ao campo e itinerarios ambientais.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*