A FEGAMP reclama un plan de modernización dos centros educativos

A FEGAMP reclama un plan de modernización dos centros educativos Máis de 200 representantes políticos e técnicos de concellos de Galicia abordaron na I Xornada Técnica sobre Concellos e Educación en Galicia: O Proxecto Cotiá da Cidade Educadora.

O encontro tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago. É froito dun debate que hai uns meses foi iniciado por un grupo de traballo integrado polas sete cidades con maior poboación de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Vigo e Santiago, que ten por obxecto crear un espazo estable de reflexión e de acción conxunta arredor de diferentes temas educativos que se consideran obxecto dunha mesma preocupación.

Dunha maneira resumida con esta comparecencia dáse conta das conclusións destas xornadas que van marcar a axenda política dos concellos e que, indican, de maneira progresiva sexa compartida co maior número de corporacións locais de Galicia. “A educación é unha materia de evidente interese local e o grado actual de competencias dos municipios galegos nesta materia é claramente insuficiente”, expoñen. Sobre esta base constituíronse as catro comisións de traballo arredor de:

1-REDE EDUCATIVA 0-3 de Educación infantil: Nesta comisión contouse coa presenza do Sr. Vicenç Arnaiz Sancho, Director do Equipo de Atención Temperá de Menorca, na que se definiu a práctica municipal nos servizos para a primeira infancia 0-3; os criterios de calidade na prestación do servizo das escolas infantís e o modelo idóneo de organización e distribución competencial na ordenación desta etapa educativa, especialmente na súa construción, financiamento e xestión. Recalcouse especialmente a necesidade de traspasar as competencias desta etapa de educación infantil a un único órgano xestor como a Consellería de Educación e a redefinición dun modelo de educación infantil 0-3 en Galicia, dende a organización dunha única rede pública.

2-ESCOLAS MUNICIPAIS DE MÚSICA E ARTES ESCÉNICAS: A presenza da Universidade de Limerick de Irlanda, da Asociación Catalana de Escolas de Música e a experiencia do Concello de Barcelona permitiu a análise dos diferentes modelos de xestión, financiamento e funcionamento das escolas de música e artes escénicas nas que durante estes meses estiveron a analizar a Comisión do Grupo de Traballo Concellos e Educación. Neste senso salientar a importancia de iniciar novos camiños e novos modelos na educación musical en Galicia que atendan ás novas necesidades de formación musical.

3-OBRIGAS MUNICIPAIS SOBRE OBRAS DE CONSERVACIÓN, REPARACIÓN E MANTEMENTO EN CENTROS DE ENSINO PÚBLICO: A experiencia da Comunidade Autónoma de Andalucía, cos plans “Mejor Escuela” e “Esfuerza” favoreceu o debate arredor das competencias municipais en materia educativa; o marco de colaboración establecido entre as administracións andaluzas e o esforzo común pola calidade da ensinanza nesta Comunidade Autónoma, que pon de manifesto a urxencia da elaboración por parte da Xunta de Galicia como administración educativa competente dun marco estable de colaboración que dea resposta ás reiteradas solicitudes dos concellos para contar cun plan de modernización da infraestrutura educativa.

4-Programa de Apertura de Centros Escolares fóra do horario lectivo: comisión de traballo destinada á elaboración dunha proposta de modificación da actual convocatoria de subvencións e a definición dun modelo de xestión municipal de programas de apertura de centros fóra do horario lectivo. A Universidade Pompeu Fabra e o Concello de Lleida foron os responsables de contextualizar o marco legal da utilización dos espazos escolares fóra do horario lectivo no ámbito catalán e o tratamento xurídico que se aplica ao uso social dos centros escolares, os modelos de xestión, as vías de financiamento á administración local e a definición dun modelo de boas prácticas.

No acto de inauguración, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Carlos Fernández, ademais de felicitarse polo traballo desenvolvido quixo deixar constancia do “descontento dos concellos e da FEGAMP respecto da falta de interlocución desde a Consellería de Educación respecto das diferentes cuestións que lle veñen preocupando aos concellos galegos concretados no exposto con anterioridade”. No mesmo senso o Alcalde de Santiago achegouse á Sede do Congreso para felicitar a marcha da Xornada e reiterar a importancia de contar con proxectos educativos de cidade que dean resposta ás novas necesidades educativas dos cidadáns.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*