Xogar ao aire libre: unha oportunidade para desenvolver o corpo e a mente

Xogar ao aire libre: unha oportunidade para desenvolver o corpo e a menteAutores: Ana Martínez Rubio, Soledad Jurado Mateos e Elena Castro Sánchez. Pediatras de AP. Distrito Aljarafe, Sevilla.

Os nenos e nenas pequenos necesitan xogar ao aire libre. Non obstante, a vida actual, gobernada pola présa, limitada polos horarios, o tráfico ou o urbanismo sobredimensionado, impón moitas barreiras. Algunhas son reais, sen dúbida, como a escaseza de zonas verdes amplas e seguras ou o tráfico. Outras son impostas polos horarios laborais dos pais. Tamén hai outras barreiras que nacen de crenzas erróneas, como pensar que os pequenos se van arrefriar se están ao aire libre en inverno (en realidade, os arrefriados contáxianse máis en lugares pechados onde hai moita xente, como as aulas ou as gardarías).

Pero si, os nenos necesitan poder desenvolver esa actividade impredicible, desorganizada e creativa que se chama XOGO. Parece obvio que aos nenos gústalles xogar, pero é que, dende o punto de vista da saúde física e mental, necesitan xogar.

Hai un aspecto puramente físico: correr, moverse xera calor e consume enerxía, pero corricar libremente polo campo, no parque, contribúe de moitas máis maneiras á saúde e benestar dos nenos.

Xogar ao aire libre ofrécelle aos pequenos moitas oportunidades de pensar de forma creativa, pois o espazo non está tan organizado como dentro dunha casa, nunha ludoteca ou mesmo nun parque. Estimula a súa curiosidade e obrígaos a que tomen decisións ou resolvan pequenas dificultades mediante a imaxinación.

Deste modo o seu cerebro estimúlase dunha forma moi positiva. Moitos profesores decatáronse de que os nenos que son activos, logo, son máis capaces de poñer atención en clase, seguir instrucións ou colaborar en grupos.

Isto lévanos a outro aspecto interesante do xogo infantil en espazos abertos: a interacción social. Os pais sempre desexan que os seus fillos sexan sociables, capaces de cooperar con outras persoas, de manter as amizades ou de ser líderes. Todas estas habilidades créanse e desenvólvense durante o xogo espontáneo con outros pequenos, cos seus irmáns ou con persoas adultas. O primeiro dilema é decidir a que se xoga, con quen e como. Pequenos problemas que esixen certa capacidade de cooperación e compromiso. O proceso de decidir e obedecer as regras do xogo permite que o neno desenvolva un amplo abano de capacidades na área da sociabilidade, como por exemplo a empatía ou a flexibilidade, calidades que forman parte da denominada “intelixencia emocional” e son esenciais na idade adulta, tanto para lograr o éxito no traballo como nas relacións interpersoais.

Pero quizais un dos aspectos que máis agrada aos pais con respecto ao xogo é que notan que os seus fillos son felices, que gozan xogando. A risa do fillo é un dos sons máis gratificantes para nais e pais.

As persoas adultas, a miúdo, son conscientes de que un pouco de exercicio senta ben. En realidade demostrouse cientificamente que a actividade física diminúe os síntomas depresivos e a ansiedade; tamén combate o estrés. Tamén, o estado de ánimo dos nenos mellora tras xogos que impliquen movementos en liberdade.

Moitos pais comprobaron que, despois dun anaco de xogos con movemento, os seus fillos descargaron a súa enerxía e é menos probable que se pelexen entre si ou que teñan rabechas.

Ademais, non esquezamos que xogar ao aire libre permite a exposición á luz do sol, que ten unha importante acción ao facer que a pel humana sintetice a vitamina D, necesaria para a asimilación do calcio nos ósos e outras accións (é antioxidante e intervén na inmunidade) NOTA 1.

Falando do xogo, aínda queda outro aspecto interesante: xogar ao aire libre cos fillos tamén é bo para os pais. Eles tamén se benefician dun pouco de movemento. Cando se involucran nun xogo cos seus fillos, mellora o seu humor e é máis doado que rían e gocen, relaxándose, simplemente polo pracer de velos rir e xogar.

Seguro que aprenden cousas novas ou se sorprenden vendo como os pequenos descobren o mundo e as súas propias habilidades.

É normal ter dúbidas ao principio ” A que xogar? Que podo facer con eles? Non recordo ningún xogo! ” . Tranquilos. Non fai falta saber un xogo concreto. No xogo ao aire libre é tan importante o movemento do corpo como o uso da fantasía. Non fan falta metas. Trátase de gozar. Pódense improvisar xogos sobre a marcha ou, simplemente, deixarse guiar polos propios nenos que inventan historias con auténtica mestría.

LEMBREN:

O xogo é importante na vida e o desenvolvemento dos nenos

Desenvolve a curiosidade, a imaxinación e a sociabilidade

Xogar ao aire libre ten grandes vantaxes para a saúde física e mental

Co xogo, o neno pode gozar do movemento, a creatividade e a amizade

Despois de xogar en liberdade, os nenos están de mellor humor, teñen máis capacidade de concentrarse e colaborar

Despois de xogar un anaco, hai menos pelexas e rabechas

Os pais teñen dereito a gozar, tamén, do xogo ao aire libre cos seus fillos e fillas

Dous apuntamentos finais:

Pense: Cando foi a última vez que vostede estivo a xogar ao aire libre co seu fillo? Repita axiña a experiencia!

Observe: É para vostede doado encontrar un sitio para xogar ao aire libre co seu fillo? Se a resposta é positiva, parabéns! No caso contrario, utilice os argumentos antes descritos para solicitar espazos abertos e seguros para os menores no seu barrio ou municipio. Utilice os órganos de participación cidadá ou a prensa. Móvase. É pola súa saúde e a dos seus fillos.

Referencia bibliográfica:
Burdette HL, Whitaker RC. Resurrecting free play in young children looking beyond fitness and fatness to attention, affiliation, and affect. Arch Pediatr Adolesc Med 2005; 159:46-50.

NOTA 1: Con respecto ao sol, hai que buscar o equilibrio entre recibir a cantidade suficiente para que o corpo sintetice vitamina D e evitar as queimaduras solares. En inverno pódese estar ao aire sen protección solar e non hai risco de queimadura no noso país (agás na montaña ou se hai neve). O resto do ano, é conveniente unha exposición da pel ao sol, sen protección, durante, aproximadamente, 15 minutos, para asegurar que se produce suficiente vitamina D. O resto do tempo que se estea ao aire libre, é mellor protexer a pel dos raios UVA.

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*