Xornada Ponte nas Ondas 2011

XVII edición de Ponte...nas ondas!A XVII edición de Ponte…nas ondas! sae ao ar a través de Internet desde a Web de Ponte….nas ondas! ( www.pontenasondas.org ) e co sinal de televisión de UVIGO-TV da Universidade de Vigo.

A programación poderá ser seguida en directo ou visionada en formato de vídeo á carta. Unha programación que foi realizada e producida desde centros educativos galegos e portugueses pero tamén de Cuba ou Brasil, entre outros. Ponte…nas ondas! creará a partir desta XVII edición unha Biblioteca Viva permanente de persoas portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués. Este 3 de xuño, calquera centro educativo, asociación, comunidade ou persoa particular poderá subir á BIBLIOTECA VIVA o seu libro vivo. Trátase de fomentar a figura dos libros-vivos facendo que as persoas poidan achegar as súas historias de vida, os seus saberes e as súas experiencias persoais compartíndoas a través das novas tecnoloxías da comunicación.

XORNADA DIVULGATIVA

O pasado 26 de maio Ponte…nas ondas ! realizou no Museu Verbum de Vigo unha Biblioteca Viva con persoas de Galicia e de Portugal para mostrarlle a máis de 200 alumnos o seu funcionamento e ao mesmo tempo poñer en valor a figura dos libros-vivos. O fenómeno das bibliotecas vivas naceu en Dinamarca, e na última década estendeuse polo mundo. Funcionan de diferentes formas. Na bilioteca de Estambul os visitantes miran un catálogo de “libros” que en realidade son persoas e logo sentan a conversar durante 30 minutos coa que elixan. Como di Mere Israel, directora da biblioteca, a posibilidade de elección é moi ampla: “Temos moitos títulos en oferta. Temos grego, esquizofrénico, bisexual, árabe, traballador dunha ONG, muller con pano, seropositivo, lesbiana, transexual, armenio, kurdo e novicio”. A Asociación Xandobela realizou tamén en Vigo unha Biblioteca Vivente destinada aos centros educativos da cidade.

A BIBLIOTECA DOS TESOUROS VIVOS

Ponte….nas ondas! vén traballando coas perosas portadoras do patrimonio inmaterial galego-portugués desde hai mais de 15 anos. Un traballo que continúa e que está a rexistrar e inventariar a estas persoas que posúen saberes e habilidades que deben ser transmitidas ás novas xeracións. Son os Tesouros Vivos do noso patrimonio común. Estes libros-vivos serán catalogados na BIBLIOTECA VIVA nunha sección que terá como referencia OS TESOUROS VIVOS .

V CERTAME DE RECOLLA DA TRADICIÓN ORAL GALEGO-PORTUGUESA

En paralelo coa XVII edición de Ponte… nas ondas! estase a desenvolver o Certame de Recolla, unha iniciativa dirixida aos centros educativos da Eurorrexión que xa lleva premiados máis dun cento de traballos relacionados co patrimonio cultural galego-portugués. Os traballlos desta V edición están a ser entregados ata o 30 de xuño e os premios serán fallados no mes de outubro. PROXECTO “ A PONTE” Para o mes de novembro, Ponte…nas ondas! publicará un disco-libro-dvd “A PONTE” que recollerá unha grande mostra de todas as colaboracións artísticas realizadas especialmente para a experiencia de comunicación, tanto no apartado musical como no literario, artístico ou periodístico. Un documental sobre o que é Ponte…nas ondas! recollerá momentos e testemuñas que pasaron pola ponte ao longo destes 16 anos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*