Papá, abúrrome!!!

Autor: Maite de Aranzábal Agudo. Pediatra

O outro día, o meu sobriño de 12 anos dicíalle a meu irmán: “Aita, abúrrome!! E entón, el, no canto de horrorizarse por ter a obriga de entreter a seu fillo, só lle respostou: “E que teño eu que ver co teu aburrimento?”, mentres pensaba cara a dentro: “Tés de todo: intelixencia, cariño, xogos de todo tipo, un irmán da túa idade e, mesmo, un can. Se te aburres, busca entretemento. Tes un problema grande, non eu”.

Pareceume moi bo criterio e decidín reflexionar sobre iso.

Hoxe en día, o neno que non está entretido di que se aburre, como queixándose aos seus pais. Porque temos o concepto de que aburrirse é “sufrir un estado de ánimo producido por falta de estímulos, diversións ou distraccións. Sentir tedio”
E isto soa horrible, pero eu creo que a palabra pode ter outro significado con diferente perspectiva: sentir un baleiro necesario e non angustioso, sentirse libre, non ter a vida programada, non estar ocupado, non ter plans, poder charlar, mirar unha paisaxe, soñar, pensar cos ollos abertos dende o coche ou dende o cuarto, pintar (ler nin o nomeo, porque non se usa…), inventar un chiste, facer un sudoku, encontrar un oco para cociñar, facerlle un verso a un amigo ou ordenar os discos, recortar fotos das revistas ou, simplemente, desexar.

Ofrecemos un tipo de educación que non cultiva a construción dunha idea nova, a creación sen finalidade, sen que necesariamente teña que ser algo útil nin produtivo e sen usar medios materiais sofisticados.

En realidade creo que os nosos nenos non saben aburrirse porque nunca o experimentaron; teñen cada minuto da súa vida programado. Gran parte da culpa é nosa por dous motivos:

– porque cremos que ocupándoos e divertíndoos somos mellores pais e

– porque teñen que aprender centos de materias (que vén de “material”) para ser nenos útiles e eficientes no futuro.

Ou polo menos é o que me pasa a min cos meus fillos: ao mediodía, piano; despois de 7 horas de cole, extraescolares de inglés ou baloncesto; logo, deberes, clases de apoio; máis tarde, a ducha, 20 minutos de tele, a cea e a durmir. É que non nos cabe nin a sesión co psicólogo porque o neno está estresado ou hiperactivo!

E se no medio hai un oco, ese oco non será para charlar connosco ou coa avoa, intercambiar impresións ou bromas, senón que será dedicado a oír música (que está moi ben, pero segue sen deixar libre a mente) ou xogar cos seus amigos virtuais, i-Pod, ordenador ou múltiples maquiniñas que ofrecen estímulos externos pero darannos fillos anestesiados aos estímulos internos, á elaboración do pensamento.

E os fins de semana, se quedan libres unhas horiñas, levámolos ao cine. Para que? Para que non se aburran!!
Creo que así é difícil que apareza o espazo necesario para a improvisación, a creatividade, a angustia ou o aburrimento; non conversan apenas, non saben discutir (no mellor sentido da palabra). “Mamá, non sei que facer. Os meus amigos non están, non me deixas ver a tele, quitáchesme o i-Pod, non funciona a Nintendo..!”

Non sabemos como serán pero temos o risco de que medren efectivos, produtivos, activos, pero… sen criterio, sen conciencia, sen traballarse a parte emocional nin a imaxinación.

E prefiro non entrar na polémica das redes sociais que, sendo útiles, necesarias hoxe en día e, sobre todo, inevitables, tantos problemas poden traer ao ocultar alteracións nas relacións sociais ou problemas de comunicación en nenos introvertidos.

O que parece lóxico é que, para pensar algo novo, é necesario sentir que nos falta algo, xa que, se todo o temos, non necesitamos nada. Se un neno sabe que non hai un só espazo sen encher, non sente o baleiro necesario para que se poida producir unha idea. Non se nace pensando nin creando. Hai que aprender a facelo. A día de hoxe, os nenos saben o que teñen que facer, facer, facer, pero non se espera deles que pensen. Para iso xa estamos os adultos que pensamos por eles, ofrecéndolles información xa confeccionada. E se o seu é a creatividade, non a tomamos en serio; “iso son marías” para as que non temos tempo.

Hai máis vantaxes: se o neno ten o tempo suficiente para aburrirse, probablemente non teña estrés e viva nun ambiente máis relaxado. Ademais, saberá aceptar o feito de que algunhas veces se poida aburrir, admitindo que non todo é satisfacción ao cen por cen do noso tempo.

E para rematar, gustaríame recalcar que o neno sen desafíos interiores e sen vitorias propias non se sentirá “realizado”, non será un adolescente feliz. E o aburrimento é un esforzo. E pensar ou crear esixen un esforzo persoal ao ter que xustificar o que se deduciu ou creou. Sen ese esforzo, o neno, sen querelo, convértese nun sobreprotexido que non descobre nada por si mesmo, que non ten iniciativas nin vida interior.

Eu tamén quero que os meus fillos entren na ruleta da vida actual, que teñan nota para a carreira, que dominen a informática, que sexan deportistas, saiban de música e falen idiomas. Por iso, eu tampouco sei como facelo, recoñézoo, pero sei que debemos deixar ocos na vida dos pequenos, así como tamén nas nosas, para que apareza o aburrimento e, polo tanto, a necesidade de pensar e cultivar o espírito, esa palabra tan deostada actualmente. Non queiramos ser tan bos pais que resolvamos o aburrimento do neno no seu lugar.

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*