Comeza o programa didáctico 2011-2012 nas instalacións de Sogama

Educadores medioambientais guían o percorrido. Desde 1999 xa pasaron 52 mil persoas polas instalacións.

As visitas de escolas están entre as máis habituais ás instalacións da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), aínda que non son as únicas, xa que a infraestrutura está aberta a todo tipo de colectivos. Desde 1999 foron xa 52 mil persoas ás que a través deste programa de visita tiveron acceso ao lugar.

No caso dos centros escolares previamente envíase ás aulas unha guía didáctica, adaptada a diferentes niveis educativos, coa que profesorado e alumnado poden coñecer máis polo miúdo a actividade de Sogama. Unha vez chegados ás instalacións, os grupos son atendidos por educadores medioambientais, que con material pedagóxico de apoio proporcionan as explicacións de partida aos rapaces.

Percorrido guiado
A planta de clasificación de envases é a primeira parada do itinerario deseñado. Alí recíbense os residuos procedentes da recollida selectiva dos colectores amarelos, procedendo á súa clasificación automática por tipoloxías (plástico duro, fino e mixto, pet, aceiro, aluminio e briks) para ser remitidos aos centros de reciclado e transformados en novos produtos.
 
A continuación, visitamos a planta de elaboración de combustible, lugar de recepción, en dous fosos de 5.000 metros cúbicos cada un, dos refugallos procedentes dos colectores xenéricos, destinados a acoller orgánicos e non reciclables, separando a través duns trómeles a parte grosa e fina do lixo (superior e inferior a 12 centímetros). Mentres que a primeira móese, a segunda sécase para extraerlle a humidade, proceso que se leva a cabo coa calor procedente da planta de coxeración. Tras mesturar ambas as dúas fraccións obtense un combustible derivado dos residuos non reciclables (CDR), que logo é aproveitado nunha planta termoeléctrica para xerar electricidade.

Enerxía
É a través deste proceso que Sogama recupera en forma de enerxía unha elevada porcentaxe de residuos para convertelos nun ben de notable valor nun contexto marcado pola crise enerxética mundial, que no caso de España acrecéntase aínda máis debido á súa alta dependencia exterior; non en balde vén importando aproximadamente o 80 por cento da enerxía que consume.

Hai que lembrar que o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda ten capacidade para procesar un máximo de 550.000 toneladas de lixo ao ano e a Sociedade recibe perto de 900.000. Deste xeito, o excedente debe ser tratado no vertedoiro de Areosa, onde os refugallos son depositados, con todas as garantías medioambientais, nos correspondentes vasos de vertido, valorizando nunha planta de biogás o gas metano orixinado pola descomposición da materia orgánica.

Doutra banda, a dimensión loxística tamén cobra importancia desde o ámbito da sostibilidade: Sogama promover o transporte de desperdicios por ferrocarril, posibilitando que, a día de hoxe, os de Vigo e a provincia de Ourense, que aglutinan en torno ao 40-45 por cento do total tratado no Complexo Medioambiental, se trasladen por vía férrea, contribuíndo a minimizar as emisións de CO2, á vez que reduce as molestias cidadás.

Solicitar visita
Concertar unha visita a Sogama é ben sinxelo. O portavoz do grupo interesado deberá contactar co Departamento de Comunicación (vía telefónica, correo electrónico ou páxina web) a fin de reservar data e hora. Acto seguido, remitiráselle un pequeno formulario de solicitude que debe cubrir íntegramente a fin de que a entidade dispoña de todos os datos. A continuación, Sogama faralle chegar a confirmación oficial, así como as normas de seguridade que rexen nas súas instalacións, de estrito cumprimento para todos os integrantes dos distintos colectivos.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*