Semana de Loita Contra a Pobreza

Semana de Loita Contra a Pobreza ‘Únete á rebelión’ é lema este ano desta convocatoria de mobilización que promoven milleiros de colectivos sociais.

“Este ano vai pasar á historia como o ano no que, alén da fame sistémica, podemos dicir que se declarou o primeiro andazo de fame do século XXI e que afecta a case 13 millóns de persoas no corno de África”. Deste xeito o subliñan desde a Alianza Española contra a Pobreza, ao fío da convocatoria desta Semana de Loita contra a Pobreza. Un conxunto de mobilizacións que desde este luns 9 de outubro tratarán de facer presión sobre os gobernos para que a supresión da miseria no mundo sexa o centro das políticas internacionais.

Son máis de 1.400 millóns de persoas as que sofren de pobreza extrema en todo o mundo. O cumprimento do Pacto de Estado Contra a Pobreza, que malia ser subscrito unanimemente polos principais partidos políticos con representación, é ignorado, é unha das reivindicacións concretas salientadas esta Semana. Segundo ese pacto, debera acadarse antes de 2015 unha porcentaxe do 0,7% do PIB no apartado de axuda ao desenvolvemento.

Construír “outro mundo”
“É posible construír outro mundo e rebelarse contra a pobreza”, expoñen os colectivos convocantes. Nese sentido, propoñen medidas concretas como a revisión das políticas comerciais da Organización Mundial do Comercio, pedindo que non se impoñan acordos prexudiciais para os países máis pobres. Solicitan ademais a supresión de paraísos fiscais, a adopción de medidas contra o cambio climático e impulso de medidas a prol da sustentabilidade ambiental.

Ao cabo da semana, o vindeiro luns 17 de outubro celebrarase o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, unha convocatoria oficialmente promovida polas Nacións Unidas.

Para ampliar

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*