A gastroenterite aguda: o que deben saber os pais

A gastroenterite aguda: o que deben saber os paisA gastroenterite é unha afección común na infancia, resumimos os principais puntos a ter en conta.

Autores: Manuel Merino Moína e Juan Bravo Acuña. Pediatras de Atención Primaria. Centro de Salud El Greco. Getafe

Que é a gastroenterite?
É unha enfermidade diarreica (feces líquidas), xeralmente de inicio súbito, que pode ser acompañada por outros síntomas como náuseas, vómitos, febre e dor abdominal do tipo de retortijón. É un proceso agudo que se resolve espontaneamente no espazo duns días, por iso se fala moitas veces de gastroenterite aguda. A duración é variable, pero especialmente nos máis pequenos pode durar unha semana ou dúas.

A causa é infecciosa, especialmente causada por virus e, máis raramente, por bacterias.

A gastroenterite é unha afección común na infancia, aínda que no mundo occidental é excepcional que resulte grave.

Como se trata?

O tratamento baséase en tres puntos fundamentais:

Manter o neno hidratado, é dicir, darlle auga con frecuencia e que beba o que el queira, preferentemente en pequenas cantidades de cada vez para evitar vómitos. En casos máis graves, sobre todo se son nenos pequenos, a auga non é suficiente e debe recibir unha solución rehidratante farmacéutica.

Evitar en xeral o uso de medicamentos , salvo os antitérmicos se fosen necesarios ou outros fármacos se houbese recomendación expresa do médico. Tomar antibióticos sen indicación pode prolongar o cadro diarreico e o período de transmisión da infección a outras persoas, mesmo na maior parte das gastroenterites producidas por bacterias. Os medicamentos que se empregan para os vómitos só serven para mellorar o síntoma, pero non curan e poden producir efectos secundarios.

Ofrecer alimentos deseguido , sen forzar ao neno e sen período de pausa. Nos lactantes non é necesario facer ningunha modificación na súa dieta: os que mamen o peito deben seguir facéndoo, os que tomen biberón non é preciso rebaixarlles a concentración da fórmula adaptada, diluíndoa con máis auga; nos que xa comezasen coas papillas e purés non fará falta cambiar nada, pois poden tomar calquera cereal, verduras, carnes, peixe, lácteos (non só iogur, senón tamén leite) e froitas, pero evitando engadirlle azucre aos alimentos. Nos nenos maiores, do mesmo xeito que nos adultos, as limitacións serán tan só a comentada do azucre e que non han de consumir alimentos graxos.

Aínda que a alimentación precoz acelera a curación da gastroenterite, ao principio pode parecer o contrario, ao provocar a defecación do neno nada máis inxerir comida. Isto non debe preocuparlles, pois é unicamente a consecuencia dun reflexo intestinal que está máis vivo nesta situación. En calquera caso, do mesmo xeito que noutras circunstancias, se o neno non desexa comer, non deben forzarlle a facelo.

Como previla?

A gastroenterite, como enfermidade infecciosa que é, pode transmitirse de persoa a persoa. A fonte máis habitual de contaxio é por contacto coas feces ou os cueiros dun neno coa enfermidade, polo que a forma de evitalo será extremar as medidas de hixiene habituais, sobre todo o lavado de mans, tanto do neno como da persoa que o coide. Esta limpeza ten que ser especialmente escrupulosa despois de cambiar o cueiro, asear ao neno ou tras utilizar o retrete e, por suposto, antes das comidas.

Desde hai pouco está dispoñible nas farmacias unha vacina oral contra un dos virus que con maior frecuencia producen gastroenterite: o rotavirus. Non está incluída no calendario de vacinacións habitual e só está admitida a súa administración a nenos moi pequenos.

Cando pode volver seu fillo ao xardín de infancia ou ao colexio?

Posto que a maioría dos casos de gastroenterites no noso país son leves, non se debe limitar a actividade do neno. É aconsellable que, se o estado xeral non é bo, vomita, ten febre, dor abdominal ou deposicións moi frecuentes, se ausente do colexio ata que se atope mellor.

Nos xardíns de infancia é habitual recomendar que o neno volva ao centro cando non se lle escapen as deposicións. Se usa cueiro, podería volver se as feces poden quedar contidas nel.

Se as feces contivesen sangue ou moco é aconsellable esperar a que sexan normais.

Cando debo consultar o pediatra?

A principal preocupación dos pais dun neno con gastroenterite é que o neno poida chegar a deshidratarse.

Polo xeral, o sentido común é bo conselleiro. Teñan presente que o obxectivo é repor o que o neno perde e estimular a realimentación precoz. Como guía da situación, o mellor é a valoración do estado xeral: se o neno está contento, ou chora con bágoas, se babea, se ouriña normalmente ou simplemente se xoga con normalidade, é que non está deshidratado.

No lactante, que é o máis vulnerable nesta enfermidade, haberá que consultar se o notan decaído e inapetente, se as deposicións son moi frecuentes e especialmente se ademais vomita a miúdo, pois non poderemos repor as perdas e pode ser necesario que o persoal sanitario supervise a rehidratación, que sempre que sexa posible será por vía oral (pola boca) en pequenas cantidades, ou valore se é aconsellable comezar a rehidratación por vía intravenosa nun centro sanitario.

O neno maior resulta máis sinxelo de manexar, pois se ten sede pide auga. Esta obviedade facilita moito o tratamento e só nos casos de vómitos continuos ou de gran decaimento será necesaria a atención dun profesional sanitario.

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*