Continuidade para o programa de ensino en galego nos centros educativos do Bierzo e de Sanabria

No pasado curso participaron un total de 966 alumnos e alumnas de ensino primario e secundario, 82 máis que na edición anterior.

A pasada semana reuniuse a comisión mixta de seguimento do Programa de Ensino en Galego no Bierzo e en Sanabria, na que se valorou a implantación desta iniciativa nos centros educativos destas dúas comarcas de Castela e León, situadas nos territorios limítrofes con Galicia.

Representantes da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León avaliaron o desenvolvemento do programa, subliñando a satisfacción polo número de estudantes que aprenden galego nos centros educativos das localidades de Ponferrada, Vilafranca, Cacabelos, Carucedo, Carullón, Ponte de Domingos Flórez, Toural dos Vados, Toural de Meraio, Componaraia e Lubián.

Por outra banda, a comisión tamén concretou as perspectivas do programa para o curso académico 2011-2012. Desde a implantación do programa, en 2001, o número de centros educativos que ofrecen a posibilidade de estudar galego multiplicouse por catro. O galego é, para o alumnado que así o desexa, lingua vehicular en infantil na área de descubrimento do medio físico e social e na área de identidade e autonomía persoal; en primaria, na área de Coñecemento do medio natural, social e cultural e na área de Educación artística, e, en secundaria, na área de Ciencias sociais, xeografía e historia.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*