As mostras sobre Lois Pereiro e Neira Vilas percorren Ourense

Homenaxe a Neira Vilas A exposición sobre o escritor Lois Pereiro consiste nunha instalación multimedia composta por un muro, que mostra unha liña temporal cos principais episodios da biografía do escritor a través de fotografías e textos, e mais por unha pantalla multitáctil de gran tamaño que se estrutura en catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música. En Fotografía, o alumnado pode coñecer a vida do autor a través do seu álbum fotográfico familiar. Xogando coas palabras convida os escolares a interactuar cos poemas de Lois Pereiro, creando novas palabras e compoñendo os seus versos. Mentres, A música inclúe poemas do escritor musicados por Manu Clavijo, Alexandro González, Nación Reixa e Radio Océano. Finalmente, ademais de presentar a súa produción literaria, a exposición permite escoitar A voz do poeta no mítico recital do café coruñés Moka en 1996.

Querido Balbino
A exposición Querido Balbino articúlase arredor de dous eixos que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia. Doutra banda, amósanse documentos e material referidos á traxectoria seguida polo libro e o seu protagonista. Con este fin, a exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas na obra e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre o seu protagornista, Balbino. Diversas obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no personaxe, completan a mostra.

A exposición sobre Lois Pereiro visitará o CPI Vicente Otero Valcárcel do 28 de novembro ao 11 de decembro, mentres que a mostra de Querido Balbino, tras a súa parada en Celanova, poderá verse no CEIP Xesús Golmar de Lalín entre o 5 e o 25 de decembro. Finalmente, a mostra de Castelao, que nestes momentos acolle o IES Ortigueira, viaxará ata o IES Leiras Pulpeiro de Lugo do 12 ao 25 de decembro.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*