Vixésimo aniversario dos equipos de normalización da lingua galega

“As tendas daquela eran as tabernas: tiñan puntas, cravos, sacholas, tiñan pan, viño, leite…”. Non fala de hai vinte anos, senón de moito máis tempo atrás: Na altura dos seus 97 anos, Ramón Galiñanes aínda conserva boa enerxía do mariñeiro que foi e fala para as mozas e mozos do IES Francisco Asorey que se achegaron a facerlle unha visita, cámara en man, ao barrio de San Tomé en Cambados. Velaí un dos contidos que poden atoparse na Revista A Buxaina, mantida na rede por esta comunidade educativa cambadesa e achegando periodicamente contidos científicos e información variada. “Non facemos teatro por facer teatro”, lemos na presentación do vídeo da Folía en Semasei. Trátase dunha montaxe teatral que implicou á comunidade educativa do IES de Ames e que foi representada en diversos escenarios e recoñecida máis aló dos recintos escolares. “Cal é o proxecto máis importante que ten en mente para o noso cole?”, preguntábanlle á directora do CEIP de Quiroga os aguerridos reporteiros que conduciron a primeira edición do Eco do Cole, programa radiofónico argallado para, nas súas palabras, “informar, entreter e divertir, algo que sempre se agradece, non si?”

Velaí tres exemplos, collidos ao chou da intensa, diversa e creativa actividade dos equipos de dinamización da lingua que, durante os últimos vinte anos veñen traballando nos centros educativos de primaria e secundaria con dous obxectivos principais: promover unha imaxe positiva do galego e favorecer a visibilización e o uso da lingua nas actividades do centro. Os exemplos anteriores están recollidos da peneira 20 anos, 20 experiencias, elaborada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Audiovisuais, teatro, radio, iniciativas TIC ou de dinamización da contorna, entre outras mostras.

En prol do galego: promover, mellorar, potenciar

A iniciativa é parte da conmemoración oficial dos vinte anos desde a creación por vez primeira dos naquel tempo chamados equipos de normalización lingüística. Dende aquela, o labor e a entrega dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) serviu para consolidar o galego nas aulas.

“Sempre estiveron na vangarda, contribuíndo durante dúas décadas á innovación educativa”, afirmou este xoves o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, salientando o valor desta rede dinamizadora “que incide constante e eficazmente sobre un conxunto amplo de poboación e que realizan un traballo fundamental na educación da futura cidadanía galega”. “Apostamos por soster e facer medrar os equipos porque son unha peza clave no fomento do galego desde o ámbito educativo” , subliñou.

Vizosos anacos de historia a través das revistas escolares
Alén da mostra virtual de experiencias, recomendámosvos tamén a exposición que a secretaría xeral de Política Lingüística organiza no Museo Pedagóxico de Galicia. Esta mostra, que permanecerá aberta até o próximo 15 de marzo de 2012, é un fermoso percorrido deste camiño de esforzo e innovación. Desde as primeiras revistas, cheas de entusiasmo aínda que con medios limitados, até publicacións máis actuais e xa máis ambiciosas, mesmo en soporte dixital e ampliando as temáticas.

Anxo Lorenzo tamén explicou a escolla das revistas escolares como exemplo das moitas accións vencelladas ao traballo creativo dos equipos “liderando a innovación educativa en Galicia” nestas dúas décadas. “Son un tipo de actividade que levaron adiante dunha maneira constante desde 1991 ata hoxe (…) sempre fixeron revistas que cambiaron co tempo e a evolución destas publicacións é a evolución dos equipos de dinamización”, debullou.

Estruturada en tres bloques (un primeiro cos antecedentes e o ano 1991, outro a decada seguinte até o 2001 e un terceiro co período máis recente), a mostra conta tamén con pantallas onde poden verse revistas diversas, blogs e outros materiais para a dinamización. A exposición foi coordinada por Xulia Marqués, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega, e por Noemí Álvarez, coa colaboración dos catro coordinadores provinciais dos equipos: Pura Galán (A Coruña), Concha Díaz (Pontevedra), Manuela Maseda (Ourense), Xosé Luís Ansemil (Lugo) e Emilio Castro, asesor do Mupega.

2 COMENTARIOS

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*