A folla máis alta

A folla máis alta -  O novo espectáculo de BerrobambánO novo espectáculo de Berrobambán para público infantil.

O vizoso maxín creativo de Paula Carballeira ten dado en proxectos ben diversos. Desta volta contámosvos do poemario “Contatrás”, que chegado á súa segunda edición en papel e primeira como audio-libro, deu en dous espectáculos artellados no chamado “Proxecto Contatrás”. Dunha banda, ‘Avestruz en terra allea’, pensado para público adulto, e da outra, este ‘A folla máis alta’, para o público infantil, e de recente estrea.

Música, movemento e artes plásticas buscando os puntos de encontro nunha innovadora proposta que trata de espremer na escena a evocación dos poemas a partir dos cales se constrúe o espectáculo.

“A infancia é unha conta atrás cara ao adulto que levamos dentro desde pequenos”, cóntannos desde Berrobambán na presentación do proxecto, “Por iso, cando nenos, aproveitamos cada momento, o presente é o único que existe, e xogamos a vivir. Ábrensenos os ollos, as mans, as orellas, para velo todo, para tocalo todo, para escoitalo todo, con impaciencia, porque sempre queremos tocar a folla máis alta da árbore, xusto a que non está ao noso alcance (…) Na infancia hai tanta présa por medrar que non nos decatamos de que o noso maior problema é o aburrimento, e todo o resto é aventura”.

A obra está coordinada por Paula Carballeira, cun equipo conformado por Carlos López (músico), Chiqui Pereira (actor), David Loira (bailarín e coreógrafo) Ramón Bermejo (cantante e profesor de técnica vocal) e X. Carlos Hidalgo (ilustrador e deseñador gráfico).

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*