Modelo Burela, Tecendo Redes, Rianxo 2112… Iniciativa nas que fixarse

Modelo BurelaPremios a cinco centros polas súas propostas innovadoras en dinamización lingüística.

Un total de 75 propostas participaban na convocatoria de galardóns a iniciativas de innovación en dinamización lingüística convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A elección para o curso 2011-2012 recaeu desta volta no CPI Dr. López Suárez do Saviñao e nos institutos Félix Muriel de Rianxo, Rodeira de Cangas, Perdouro de Burela e As Bizocas do Grove. Cada un destes centros recibirá 2.500 euros e participará nunha xornada de asesoramento e orientación para o profesorado e apoio durante o desenvolvemento do proxecto, alén da difusión das experiencia a través da web da SXPL.

A escolla recae nas seguintes ideas:

  • Proxecto de innovación «A elaboración do viño na Ribeira Sacra», CPI Dr. López Suárez. O Saviñao, Lugo: trátase de poñer en valor o galego a través do estudo da actividade que lle imprime máis personalidade á zona xeográfica de influencia do centro educativo e presentan o proxecto A elaboración do viño na Ribeira Sacra. No marco desta experiencia, realizarán actividades de investigación sobre o proceso de elaboración do viño na Ribeira Sacra, recompilarán vocabulario relacionado coa viticultura e empregarán o galego dialectal como vehículo para a aprendizaxe da lingua inglesa, poñendo en valor os usos lingüísticos da contorna do alumnado
  • Proxecto de innovación do IES Félix Muriel. Rianxo. A Coruña: o centro procurará a realización de actividades baseadas na lingua oral, o achegamento ao galego por parte do alumnado estranxeiro e a colaborará con diversas entidades da contorna do centro, como empresas, asociacións e o Concello de Rianxo. As novas tecnoloxías protagonizarán outras das principais accións do proxecto, entre as que se encontran a realización dun mapa interactivo de Rianxo e unha presentación multimedia sobre o seu patrimonio.
  • Proxecto de innovación «Máis galego. Tecendo redes» do IES Rodeira. Cangas, Pontevedra: explora novas vías de dinamización lingüística a partir, principalmente, das tecnoloxías. Para isto porán en marcha diversas iniciativas, entre elas, a campaña fotográfica e de carteis nos corredores do centro Saca o galego que levas dentro, unha rede social que ofreza en galego etiquetado de fotos, de música, subtitulación de filmes ingleses ao galego etc. e a construción de Procomún Dixital en galego (plataforma multimedia de cidadanía activa), que creará unha canle de radio en Ivoox con programación de temática variada
  • Proxecto de innovación «Modelo Burela» do IES Perdouro. Burela, Lugo: o recoñecido e premiado Modelo Burela de Planificación Lingüística, que comezou a súa andaina no curso académico 2005-2006, incidirá en novos ámbitos de actuación para fomentar o uso do galego, entre os que se inclúen as actividades de carácter relixioso, o patrimonio musical de Burela, os clubs deportivos e os medios de comunicación.
  • Proxecto de innovación do IES As Bizocas. O Grove, Pontevedra: a iniciativa pretende interactuar e achegar o galego á realidade cultural, social e económica dos veciños do municipio. Con este fin, emprenderán diversas iniciativas. Entre elas, dirixiranse aos complexos hostaleiros da do concello para que presenten tamén en galego os seus produtos, traducirán os folletos turísticos das praias da bisbarra e traballarán coa talasonimia da zona

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*