A música e o desenvolvemento psicomotor na infancia (0 – 5 anos)

A música e o desenvolvemento psicomotor na infancia (0 – 5 anos)
Imaxe: Flickr cbgfrx123 (http://www.flickr.com/photos/72005145@N00/4351735822/)

A música favorece o desenvolvemento cerebral, mesmo desde antes do nacemento, xa que o oído está completamente formado desde o 5º mes de xestación.

Autoras:

  • Mª Jesús del Olmo. Pedagoga Musical e Musicoterapeuta. Coordinadora do ‘Proyecto de Musicoterapia’ Hospitalaria no Hospital Infantil “La Paz” de Madrid. Subdirectora do ‘Master de Musicoterapia Avanzada y Aplicaciones’ da UAM (Facultad de Medicina. Universidad Autónoma de Madrid). Profesora Asociada ao Dpto. de Música da Facultad de Formación de Profesorado y Educación da UAM.
  • Pilar Carrasco. Médico de Familia. Musicoterapeuta. CS Mar Báltico, Área 4, Madrid. IMSALUD.
  • José Luís Montón. Pediatra. CS Mar Báltico, Área 4, Madrid. IMSALUD

Como todo o que se relaciona co crecemento, o desenvolvemento psicomotor prodúcese impulsado polo dobre estímulo da maduración biolóxica inherente ao proceso de crecemento, e a estimulación social que o neno recibe (Le Boulch, 1983). Sen maduración de base non hai progreso, pero a maduración por si soa non dá lugar a desenvolvemento, e menos canto máis complexas se van facendo as adquisicións. Así, ademais de maduración, o neno necesita situacións que estimulen a aprendizaxe de determinadas habilidades e a súa práctica posterior; necesita guía, modelos, motivación, ser reforzado polos seus logros e recibir á vez esixencia, afecto e apoio cando fracasa na resolución dos pequenos problemas de acción.

Cómpren estímulos tanto físicos como sociais que acheguen ás neuronas a estimulación que é tan importante para o desenvolvemento psicolóxico. Os mínimos de estimulación só garanten mínimos de desenvolvemento, polo que resulta da máxima importancia, cando se quere que o desenvolvemento psicolóxico vaia máis aló de niveis mínimos, achegar experiencias ricas e variadas no cognitivo, o social e o afectivo.

A música e o desenvolvemento psicomotor na infancia (0 – 5 anos)A música favorece o desenvolvemento cerebral pois pode proporcionar este tipo de estímulo ata antes do nacemento, xa que o oído está completamente formado desde o 5º mes de xestación, e o feto reacciona aos sons a partir do 6º. Existe ata unha memoria fetal, polo que pezas musicais que escoitaba durante o embarazo, tranquilizan o neno logo de nacer. As experiencias auditivas durante o desenvolvemento postnatal temperán son importantes no desenvolvemento da cortiza auditiva. Viuse que a exposición a adestramento musical en etapas iniciais da vida configura o cerebro, e por iso o dos músicos foi estudado moitas veces como modelo de neuroplasticidade (Johannsson BB, 2004; Schlaug G, 2001; Pascual Leone A, 2001). A parte anterior do corpo calloso, constituída por fibras nerviosas que conectan rexións relacionadas co motor, e rexións importantes para a coordinación das actividades bimanuais, é maior en músicos que empezan o seu adestramento musical antes dos 7 anos, que en músicos sen este inicio precoz ou que na poboación xeral (Schlaug G et al, 1995). Tamén se constatou o incremento na representación cortical dos dedos da man esquerda en músicos de instrumentos de corda, que se correlaciona coa idade á que empezaron a tocar (Elbert T et al, 1995; Hashimoto I et, 2004).

As actividades con música que se poden utilizar para favorecer o desenvolvemento cerebral do neno, dependerán da etapa de maduración na que se atope, existindo unha serie de habilidades musicais que se van adquirindo acordes con esta.

De 0 a 2 meses

A música e o desenvolvemento psicomotor na infancia (0 – 5 anos)Actividades: cancións de berce, cantadas preferentemente polos pais, e música gravada atendendo aos elementos musicais de acordo coa escoita e desenvolvemento madurativo destas idades, como poden ser:

  • Temas musicais de curta duración,
  • tempo lento e
  • preferentemente música instrumental.

Exemplos para esta idade son:

  • Mendelssohn : “O Soño dunha noite de verán”: Danza dos Pallasos
  • Mozart “Contradanza KV 535. La Batalle”
  • Haydn “Sinfonía nº 101, O reloxo” Andante.
  • Boccherini “Minuetto do quinteto para corda”
  • Beethoven “Septimino”, op. 20 tempo de minuetto
  • Brahms “Canción de Berce”

É aconsellable que a voz cantada dos pais teña en conta elementos musicais como a intensidade (volume) e o timbre (voz da nai ou do pai), xa que os bebés nesta idade poden emparellar propiedades abstractas dos estímulos, como contorno, intensidade ou patrón temporal. O adulto terá que ter en conta este feito, e observar os cambios que se produzan no bebé ao modificar a intensidade da voz ao dirixirse a el.

De 2 a 4 meses

O bebé interactúa coa música, reacciona corporalmente ante estímulos sonoros, imita e explora. Os bebés de catro meses interésanse por un mundo cada vez máis amplo. Interactúan co seu corpo, responden a patróns rítmicos.

Actividades: presentación dun obxecto musical, xa que o bebé pode a esta idade seguilo coa súa mirada, mentres o adulto percute un ritmo cantando unha canción infantil sinxela, por exemplo:

  • “debaixo dun botón”
  • “campaíñas do lugar”
  • “cinco lobiños” ou
  • calquera outra canción da súa cultura.

Así mesmo, o adulto pode utilizar un CD de música, e seguir un ritmo cun instrumento de pequena percusión (axóuxere, maraca, pandereita) facendo pausas coa fin de captar a súa atención.

De 4 a 6 meses

Os nenos desta idade exploran o seu corpo, míranse intencionadamente as mans, vocalizan, balbucen. A sensación propioceptiva de manter a man levantada e mover os dedos acompáñase sempre da visión dos dedos movéndose. A partir dos 5 meses botan as mans aos obxectos para coller cousas. Ao interaccionar co medio ambiente, neste caso sonoro-musical, favorécese o desenvolvemento psicomotor do bebé.

Actividades: as cancións que manteñen a atención sobre os segmentos corporais, como as cancións con xestos, son adecuadas nesta idade. Hai que ter en conta o tempo de resposta da acción do bebé. O bebé que mira ao mundo externo, interacciona cada vez máis. A música ofrécelle o vehículo para entender o que este lle presenta ante os seus ollos e sentidos, xa que o bebé aprenderá dos xestos e movementos do modelo que o adulto lle presente.

De 6 meses a 1 ano

Nesta etapa aumenta a mobilidade e a exploración do mundo. Os bebés desenvolven vontade e intencións propias. Empeza a externalización do movemento, incorporando o uso do obxecto. Poden seguir o ritmo dunha canción con movementos corporais. Os nenos a estas idades comezan a facer cantos espontáneos e imitan patróns rítmicos sonoros.

Actividades: xogos musicais con instrumentos de pequena percusión, como tambores e xilófonos, porque a esta idade xa poden tocar un instrumento coas dúas mans usando baquetas. Por exemplo: os xogos de movemento en brazos do adulto ou sentados, “aserrín a serrán”, proporcionan ao neno unha estimulación a varios niveis como é o feito de escoitar unha canción e ter un movemento corporal acorde ao ritmo desta. O neno é balanceado polo adulto co mesmo ritmo do que escoita “estimulación multimodal”.

De 1 a 2 anos

A maioría dos nenos comezan a camiñar de forma independente ao redor dos 12 meses. Os nenos moi activos tenden a camiñar antes; os menos activos fano máis tarde. A estas idades, algúns deles presentan condutas de inseguridade á hora de botar andar. Comprenden mellor a relación causa-efecto e son flexibles na solución de problemas.

Actividades: os xogos rítmicos que precisan de movementos no espazo son moi adecuados, proporcionándolle ao neno un maior control sobre a idea de proximidade e separación do adulto. Os nosos movementos deben ser sinxelos e coherentes. A música escolleita debe ter un ritmo adecuado ao ritmo do neno. Poden realizar bailes sinxelos con estruturas moi básicas como adiante, atrás, paramos… As características da actividade motora como o tempo, a intensidade, varían de forma significativa e gardan unha gran relación co propio temperamento do neno.

Os nenos entre 18 meses e dous anos presentan habilidades musicais que van evolucionando desde os aspectos simplemente rítmicos a emisións vocais melódicas. Tamén relacionan de xeito natural a música co movemento do corpo, e élles imposible cantar sen realizar algún movemento que acompañe o seu canto.

De 2 a 3 anos

A música e o desenvolvemento psicomotor na infancia (0 – 5 anos)Os nenos nesta etapa camiñan con marcha segura e corren estables antes dos tres anos. Soben e baixan chanzos de un en un, abren portas, saltan, aos trinta meses soben escaleiras alternando os pés. O adulto dáse conta do estado de ánimo e afectivo do neno pola entoación e intensidade da súa voz. Deste xeito tamén poderá utilizar de forma consciente estes elementos musicais para facerlle ver ao neno como é a súa emoción e a súa actitude.

Actividades: recoméndanse aquelas actividades que xeran no neno unha idea de unidade e estrutura básica para o seu desenvolvemento, por exemplo:

  • aprender e recordar pasos de danzas sinxelas;
  • recoñecer diferentes ritmos percutidos coas mans ou escoitados a través da música gravada;
  • distinguir os cambios de intensidade na voz ou ao tocar un instrumento;
  • diferenciar algúns timbres como sons de tambores ou sons doutros instrumentos de corda ou vento;
  • acompañar o canto cun instrumento musical como cascabeis, xilófonos, ou calquera instrumento de pequena percusión.

De 3 a 5 anos

Os nenos a esta idade aprenden textos completos de cancións, con xestos, palmeando etc… Fan un uso convencional dos instrumentos musicais. Poden repetir esquemas melódicos e recoñecer melodías de cancións aprendidas con texto, só con escoitar a melodía. Recoñecen a pausa, o tempo e intensidade dunha proposta musical.

Actividades: en canto ao movemento é importante facerlles diferenciar entre a carreira, o camiñar e o salto ou trote, ademais da pausa tocando o adulto un pandeiro ou tambor e facendo diferentes ritmos. Tamén é interesante cantar con eles de xeito afinado, cancións que lles fagan aprender conceptos como arriba, abaixo, lento-rápido, e algún outro concepto como as partes do corpo etc… Non hai que esquecer que as actividades anteriores non se deixan de realizar, senón que se suman nestas etapas e auméntase a súa dificultade.

BIBLIOGRAFIA

  • Le Boulch. El desarrollo psicomotor desde el nacimiento a los seis años. Madrid: Doñate.  1983.
  • Elbert T et al: Increased cortical representation of the fingers of the left hand in string players. Science 1995; 270:305-307
  • HashimotoI et al: Is there training dependent reorganization of digit representations in area 3b of string players?. Clin Neurophysiol 2004; 115: 435-447
  • Johannsson BB: Brain plasticity in health and disease. Keio J Med 2004; 53(4): 231-246
  • Pascual Leone A: The Brain that plays music and is changed by it. Ann NY Acad Sci 2001; 930:315-329.
  • Schlaug G: The brain of musicians. A model for functional and structural adaptation. Ann N Y Acad Sci 2001; 930: 281-299
  • Schlaug G et al: Increased corpus callosum size in musicians. Neuropsychología 1995;33: 1047-1055

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*