Agasalla un libro en galego… e unha flor

Agasalla un libro en galego... e unha florIniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) para este 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro.

Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos.

Así nos achegan desde a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) unha proposta de homenaxe a Rosalía de Castro neste 2012, aproveitando que se fan 175 anos do nacemento da autora.

Con este motivo, organízanse actividades en todo o país e anímase a colectivos e institucións a incluír a conmemoración nas súas programacións culturais. Unha das propostas da propia AELG, fermosa proposta: agasallar un libro en galego e unha flor neste día do nacemento de Rosalía de Castro.

Na web da AELG podedes atopar o programa de lecturas colectivas e actividades este 24 de febreiro en varias cidades.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*