Concerto familiar ‘A berenguela’

Concerto familiar 'A berenguela'Unha opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes sobre texto de Manuel María. En Santiago este sábado.

A pequena espiña de toxo atópase coa folla de carballo, e quere ser a súa amiga. Mais a presumida folla non ten ningún interese nela, discuten e ao final pelexan. Dende ese momento sucédense unha serie de malos entendidos que fan que a nosa pequena amiga remate no cárcere. Como chegou ata alí? Poderá finalmente volver a ser libre?

Velaí a achega que fai ‘A Xente das Palabras’ para este clásico da literatura infantil galega é a dunha posta en escena lida interpretada pola actriz María Inés Cuadrado, cunha introdución ao estilo de narración oral onde dun xeito lúdico, participativo e con exemplos prácticos se destaca a capacidade expresiva da música como código de linguaxe que comunica emocións.

A palabra do poeta Manuel María está enmarcada pola composición musical de Nani García para o cuarteto de clarinetes ‘Xerión’ potenciando a acción dramática e ofrecendo aos pequenos e grandes espectadores a posibilidade de gozar da música vencellada á palabra falada.

Será no Teatro Principal a partir das 19.30h do sábado 3 de marzo, cunha duración de 50 minutos e está recomendada para cativos e cativas de entre 4 e 10 anos. As entradas, a un prezo de 6 euros adulto e 3 euros neno.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*