Salón do Libro Infantil e Xuvenil

Salón do Libro Infantil e XuvenilDo 4 ao 31 de marzo, en Pontevedra. A edición 12+1 indagará nas… supersticións.

A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos números:12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma amuletos: a figa, a pata de coello…; coas accións que nos dan poder ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha preñada, atopar un trébol de 4 follas…

Así nos presentan a edición, xustamente a 12+1, desta Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cita xa consolidada que iniciara a súa andaina aló polo ano 2000. Xa que logo, neste 2012, toca afondar nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.

De paso, recordámosvos tamén que o autor homenaxeado no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é este ano Paco Martín, quen fora Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co libro ‘Das cousas de Ramón Lamote’. Moi recordado por esa obra e ese personaxe, Paco Martín escribiu un feixe de marabillosos libros tamén de gran éxito, como foi o caso de ‘Lembranza nova de vellos mesteres’ (1988) ou ‘Historias para ler á noite’ (1992).

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*