Orixes do cómic en Galicia

Orixes do cómic en GaliciaExposición que recolle o traballo de 50 ilustradores galegos de finais do século XIX e comezos do XX.

Desde a primeira tira cómica en galego ata ilustracións de Camilo Díaz Baliño, viñetas de Maside, manuscritos de Risco ou historietas de Castelao guionizadas por Ramón Cabanillas, son algúns dos contidos desta mostra que pode visitarse xa na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Orixes do cómic en Galicia permanecerá aberta ata o 10 de xuño no Gaiás, no edificio do Arquivo de Galicia.

A mostra fai un percorrido cronolóxico desde a década de 1880 ata 1960, recollendo por primeira vez o traballo de 50 ilustradores galegos que sentaron as bases da banda deseñada. Desde a primeira tira cómica en galego (publicada en 1888 na revista pontevedresa O Galiciano) ata o primeiro personaxe protagonista dunha viñeta nun xornal (Don Fermín, creado por Enrique Pardo, e que aparecería por primeira vez en 1933 en Faro de Vigo), a exposición está formada por unha recompilación de pezas en papel que se complementa con documentos únicos en formato dixital como a primeira viñeta publicada en galego nun xornal madrileño, autoría de Manuel Torres.

Grandes descoñecidos como Gerardo Castaño ou Lino González Rubido comparten protagonismo nesta mostra con destacadas figuras da ilustración como José María Cao, Manuel Bujados, Manuel Torres, Federico Ribas, Máximo Ramos, Camilo Díaz Baliño, Castelao ou Maside e con Eduardo Blanco Amor e Ramón Cabanillas como guionistas. A exposición é froito do labor de investigación en hemerotecas, arquivos, museos, bibliotecas e coleccións particulares levado a cabo pola comisaria da mostra e técnica da Biblioteca de Galicia, Rosario Crespo, coa colaboración de Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia. De xeito paralelo á exposición, a Consellería pon en marcha un concurso de banda deseñada que terá como escenario do traballo o complexo do Gaiás

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*