Inicio » Planeta Verde » “Edúcaos na reciclaxe. Nas súas mans está o futuro de todos”

“Edúcaos na reciclaxe. Nas súas mans está o futuro de todos”

"Edúcaos na reciclaxe. Nas súas mans está o futuro de todos"Un aula educativa de Sogama circulará por seis cidades en conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe.

Instituído pola Unesco, o Día Internacional da Reciclaxe vénse celebrando cada 17 de maio en todo o mundo. Aproveitando a convocatoria, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) puxo en marcha unha iniciativa baixo o lema “Edúcaos na reciclaxe. Nas súas mans está o futuro de todos”.

Trátase dunha ambiciosa campaña de concienciación social en torno á necesaria colaboración do conxunto da poboación no incremento das taxas de reciclado en Galicia, en prol de importantes beneficios ambientais, económicos e sociais para a sociedade. A campaña viaxa a fin de semana do 5 e 6 de maio a Vigo e Pontevedra respectivamente, o 10 viaxará a Ourense, o 11 farao a Ferrol e o 12 a Lugo, culminando o seu periplo o día 16, en Santiago de Compostela.

Nunha carpa atendida por persoal especializado, os visitantes poderán atopar unha zona informativa, unha educativa e unha lúdica, focalizada esta última cara aos pequenos, os cales, a través de diversas actividades tales como xogos, cancións, contacontos e obradoiros, poderán aprender ao tempo que se divirten.

Aula de reciclaxe
A aula da reciclaxe será punto de encontro, de transmisión de coñecementos e de intercambio de experiencias, facendo realidade a máxima de “aprendendo todos de todos”. O visitante atopará información, asesoramento, consellos, recomendacións, material divulgativo e, sobre todo, boas razóns para participar activamente no sistema de recollida selectiva.

Baixo unha carpa de 40 metros cadrados asentaranse varias zonas de actividades: un área informativa, onde, co apoio de diverso material divulgativo (vídeos, videocontos, folletos, etc), os cidadáns interesados poderán ampliar a súa formación en materia de xestión e tratamento de residuos; un área educativa, onde se avaliarán os coñecementos adquiridos a través de diferentes probas; e un área lúdica, focalizada cara aos máis pequenos, con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, e que fará as delicias destes a través xogos, cancións, contacontos e obradoiros de reciclaxe e pintura; un amplo elenco de actuacións coas que se intentará promover a aprendizaxe a través da diversión, contando tamén con premios e sorpresas.

Beneficios ambientais, económicos e sociais da reciclaxe
Esta aula itinerante percorrerá Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, Ferrol e Santiago de Compostela coa pretensión de informar á poboación acerca dos beneficios ambientais, económicos e sociais da reciclaxe, solventando posibles dúbidas en torno á axeitada separación de residuos en orixe e o correcto depósito dos mesmos en cada un dos contedores de recollida selectiva habilitados na vía pública. Para lembrarmos todos: mentres que no amarelo deben introducirse os envases de plástico, as latas e os briks, o azul destínase ao papel e cartón, e o iglú verde ao vidro, desviando os restos non reciclables aos recipientes verdes xenéricos.

De todas estas fraccións de refugallos, Sogama encárgase de dúas: a denominada bolsa amarela (envases lixeiros), que clasifica por tipoloxías nas súas instalacións, remitindo cada material ao centro reciclador correspondente para que sexa convertido en novos produtos; e a coñecida como bolsa negra (residuo non reciclable), a partir da cal acondiciona un combustible (CDR) que alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade suficiente coa que abastecer unha urbe de tipo medio (100.000 fogares).

O gran obxectivo: que Galicia avance nas taxas de reciclado, actualmente por baixo da media estatal e europea. De feito, o novo plan autonómico de xestión de residuos urbanos 2010-2020 xa contempla entre as metas principais, alén dunha redución do 10 por cento do  lixo  producido e unha diminución do vertido final, o incremento das taxas de reciclado, subindo do 10 por cento actual ao 30 por cento. Un reto que require a  activa participación de todos, xa que o reciclado só será posible se previamente a cidadanía procede a unha axeitada separación dos desperdicios en orixe.

Calendario
A aula da reciclaxe circulará polas distintas cidades coa seguinte programación:
 
–       Vigo, sábado 5 de maio, na rúa do Príncipe (Porta do Sol).
–       Pontevedra, domingo 6 de maio, na Praza da Herrería.
–       Ourense, xoves 10 de maio, na Alameda.
–       Ferrol, venres 11 de maio, na Praza de España.
–       Lugo, sábado 12 de maio, na Praza Anxo Fernández Gómez (detrás da Casa Consistorial).
–       Santiago de Compostela, mércores 16 de maio, na Praza Roxa.
 
Estará aberta ao público entre as 16:00 e as 21:00 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*