Premio Leixaprén 2012 para Imaxín Software

Premio Leixaprén Resultou a máis votada polos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino polo uso cotiá que fai da lingua galega.

Durante o presente curso a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) asumiu a coordinación do histórico Premio Leixaprén que se vén organizando desde 1999 co obxectivo de premiar, desde o ensino, a persoas, entidades ou institucións que se caracterizan polo uso normalizado da lingua galega.
 
A principio deste curso escolar creouse un comité de selección para que presentase candidaturas caracterizadas por unha defensa activa da lingua galega e que tivesen unha especial incidencia social, ben pola súa continuidade e eficacia ao longo do tempo, ben pola exploración de novas vías para a normalización do idioma. Desta maneira, tendo en conta o carácter emprendedor e empresarial da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas, Valentín Paz Andrade, decidiuse que o ámbito de actuación nesta edición fose o mundo da empresa. O comité de selección propuxo as seguintes candidaturas:  Imaxin-Software, R Telecomunicacións, Alimentos Amorodo, Martín Códax  e  Seguridade A-1.
 
O xurado do premio estivo formado por membros dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino que durante un mes puideron exercer o seu dereito a voto. Despois de ter feito o reconto de votos, a empresa gañadora foi  Imaxin Software.  A entrega do Premio Leixaprén 2012 será feita o vindeiro sábado 26 de maio nun xantar que se celebrará no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela e o galardón consistirá nunha figura alegórica do artista Álvaro Negro.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*