Compostaxe en familia: unha exitosa iniciativa a consolidarse

Fabrica e utiliza o teu compostMil familias benefícianse xa do programa promovido por Sogama e medran as solicitudes para unirse ao proxecto.

No lixo que se xera nos fogares a materia orgánica representa aproximadamente o 40 por cento. Aproveitando en orixe esa cantidade e evitando o seu depósito nos contedores verdes convencionais, os concellos terán a posibilidade de reducir a frecuencia de recollida e, con isto, o transporte de residuos. De paso, tamén se axuda a unha mellor clasificación do resto de materiais, favorecendo unha recollida selectiva de maior calidade.

Hai xa dous anos que se iniciaba o programa de autocompostaxe impulsado pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama). Unha iniciativa que comezaba en 2012 en cinco concellos da Mariña lucense. Os bos resultados da experiencia, axiña foron aval para que a experiencia se estendese a outros puntos do país. Logo de Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada e Lourenzá, con 200 familias pioneiras, fóronse sumando os municipios de Portomarín e Sober, cun total de 90 vivendas, así como unha asociación veciñal de Ribadeo pertencente ao lugar de Remourelle, con 20. Logo virían Chantada e Begonte, tamén na provincia de Lugo, así como Vilaboa e Mondariz, na de Pontevedra, e Riveira e Boimorto, na da Coruña, engadindo 281 composteiros máis. Recentemente, o programa estendeuse a Ortigueira e Quiroga, Palas de Rei, Ribadeo, Guitiriz, Becerreá, Monterroso e Cospeito, con outros 396 recipientes.

As vantaxes ambientais e económicas do proxecto animan xa a outros concellos a pedir sumárense á iniciativa. O compost resultado da posta en marcha do proxecto, analizado pola Universidade de Santiago, foi cualificado de alta calidade, podendo ser aplicado no solo con absolutas garantías, resultados que avalan a proxección desta iniciativa a outros ámbitos de poboación.

Tamén nas escolas
Ademais dos fogares, a promoción da autocompostaxe realizada por Sogama tamén foi recibida favorablemente desde os centros escolares. Diversas escolas galegas xa realizaron a petición para unirse á iniciativa, caso dos colexios San Ramón, en Moeche, e Manuel Masdías, en Ferrol e o Ramón Piñeiro de Láncara.

Ademais, lembramos que o proxecto ‘Illas de Reciclaxe’ avanza tamén a bo ritmo nun feixe de escolas que foron dotadas de composteiros para un axeitado aproveitamento da materia orgánica, utilizando o abono resultante nas súas propias hortas e xardíns.

Material divulgativo e mestres composteiros
Coa compostaxe doméstica recupérase unha práctica tradicional en Galicia como é a separación de restos orgánicos para alimento do gando e fabricación de abono, non supoñendo maior inconveniente para a cidadanía participante. Aínda así, a formación debe estar presente en todo momento e Sogama non escatimou esforzos. Para iso levou a cabo cursos específicos destinados á poboación participante nestes programas, que respaldou coa edición de diverso material divulgativo no que se explica, paso a paso, o procedemento a seguir, dando resposta ás preguntas e erros máis habituais.

Ademais, creouse a figura dos mestres composteiros, persoas ao servizo dos concellos (concelleiros, técnicos ou persoal auxiliar) que, tras recibir unha formación específica, visitan periodicamente casa por casa co fin de comprobar o desenvolvemento da técnica, solucionar posibles dúbidas presentadas polas familias e recoller as súas impresións e observacións, de grande importancia á hora de realizar axustes no desenvolvemento da iniciativa.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*