Concurso de fotografía “Imaxes con fondo”

Concurso de fotografía "Imaxes con fondo"O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convoca un certame para a reflexión e a mobilización da cidadanía.

O concurso está aberto a calquera persoa maior de 12 anos de idade e residente en Galicia.

‘Imaxes con Fondo’ pretende ser unha ferramenta que promova a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas co contorno e coas persoas que nel habitan.

Para a elaboración das bases do concurso contouse co apoio de diferentes colectivos vencellados ao mundo da fotografía: Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega, Asociación Fotográfica ‘Os Negativos’ e a Asociación Fotográfica Galega ‘Phosgalicia’.

‘Imaxes con Fondo’
divídese en dúas categorías con cadansúa temática:

– Categoría xuvenil (de 13 a 17 anos, ambos inclusive): As/os concursantes deberán achegar fotografías nas que se amose a solidariedade na nosa sociedade, entendida como un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e as persoas.

– Categoría adultas/os (de 18 anos en adiante): As/os concursantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta, de cara a denunciar as iniquidades entre o norte e o sur que obstaculizan o desenvolvemento humano.

Haberá un único premio por categoría:

– Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm (ou similar) e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.

– Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego a modo de acción voluntaria. A viaxe ao terreo realizarase no 2013 e terá entre 15 días e un mes de duración.

Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres fotografías cada unha. As fotografías deberán ser presentadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp e deberá ocupar 5MB como máximo. Pero o máis importante é a breve descrición de cada obra (tweet), de 140 caracteres e en galego, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto, facendo unha reflexión sobre o significado da imaxe.

E subliñan: A IDEA CONTA MÁIS QUE A CALIDADE DA FOTOGRAFÍA!!

Aquelas persoas interesadas poderán facer entrega das súas obras e demais documentos requiridos dende o 15 de abril ata o 15 de outubro de 2012 (AMPLIASE O PRAZO DE RECEPCIÓN deica o 15 DE NOVEMBRO) no enderezo electrónico imaxesconfondo@yahoo.es

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*