‘Lecer no rural’, programa de actividades na provincia de Ourense

Propostas lúdicas para nenas e nenos dos municipios de menos de 1.500 habitantes.

Terceira edición deste programa de actividades que desenvolve a Deputación de Ourense para todos os concellos que o solicitan e que inclúe obradoiros e xogos tradicionais.

Nas dúas edicións anteriores “Lecer no rural” chegou a 32 dos 38 concellos con menos de 1.500 habitantes, do cal se beneficiaron ao redor de 700 nenos por verán. Para esta terceira edición a actividade foi solicitada polos seguintes concellos: A Bola, A Mezquita, A Teixeira, A Veiga, Arnoia, Beariz, Castrelo do Val, Cenlle, Chandrexa de Queixa, Cortegada, Entrimo, Esgos, Gomesende, Manzaneda, Melón, Montederramo, Petín, Piñor, Punxín, Pontedeva, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Xunqueira de Espadañedo e Parada de Sil.

Ademais deste programa, dirixido a pequenos concellos, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo colabora na organización de actividades con todos os concellos e asociacións da provincia que así o soliciten. As idades dos nenos participantes están entre os 5 e os 15 anos, e as datas de realización son os meses de xullo e agosto. O lugar de realización son as instalacións propias de cada concello, como poder ser a piscina municipal, as áreas recreativas, os centros escolares ou as prazas do concello, e as actividades son principalmente obradoiros de manualidades, actividades deportivas, xogos tradicionais e actividades de coñecemento do medio.

O programa para unha xornada inclúe, por exemplo, unha explicación previa por parte dos monitores e posteriormente a realización de manualidades acaídas ás distintas idades, como técnicas básicas de tecido, complementos con serpentinas e abalorios, iniciación ás técnicas de traballo en coiro con papel, elaboración de enredos e xoguetes e elaboración de doces. Outras actividades complementarias comprenden xogos individuais de lóxica, xogos de mesa, artes plásticas ou materiais de xogos como papaventos e balóns.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*