Ponte a… brincar!

Velaquí o lema da vindeira XIX Xornada Multimedia organizada por Ponte nas Ondas!

O colectivo Ponte nas Ondas comeza a andaina cara a 2013 coa convocatoria Ponte a… brincar!. A participación implica a elaboración dun programa en formato audio e/ou vídeo vencellado ao tema para esta edición: o lecer e o patrimonio lúdico galego-portugués. O xeito de tratar o tema é libre e queda ao criterio das escolas participantes.

De xeito concreto propoñen por exemplo que o alumnado recolla información sobre o tempo de lecer de seus pais e avós, que fagan peneira de xogos tradicionais na parroquia ou bisbarra, que realicen prácticas de entretementos e xogos no centro, etc O currículo escolar ofrécenos áreas especialmente propicias á recreación dos xogos e xoguetes populares/tradicionais: a Música, a Educación Física, a Tecnoloxía, a Lingua ( rescatando sortes de rifa, cancións do cancioneiro propias dos xogos ), as Matemáticas (cálculos de áreas, volumes, estudo de traxectorias ).

Para poder participar nesta actividade é preciso enviar cuberta a ficha de inscrición ao enderezo ondas@pontenasondas.org antes do vindeiro día 30 de outubro. Posteriormente estableceremos o calendario axeitado para participar.

Toda a información na web de Ponte nas Ondas.

Os centros involucrados en Ponte nas Ondas terán a posibilidade de participar nas actividades que se realicen ao abeiro do Festival europeo  de xogos e deportes  tradicionais  que se celebrará en xuño de 2013 en Galicia co impulso de Brinquedia – Rede Galega do Xogo Tradicional.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*