Escríbelle a Malala, Shazia e Kainat

Manifestación en Paquistán en apoio de Malala Yousafzai, símbolo da loita das nenas pola educación
Manifestación en Paquistán en apoio de Malala Yousafzai, símbolo da loita das nenas pola educación
Envíalle ánimos ás tres nenas tiroteadas en Paquistán por insistiren en ir á escola.

Ían cantando no autobús de volta da escola. Un home subiu e disparoulle a Malala, ferindo ademais a Shazia e Kainat, outras dúas rapazas que viaxaban no transporte. Só pola súa teima en seguir indo á escola, en contra das esixencias dos fundamentalistas relixiosos da rexión.

Por desgraza a escola de Mingora onde estudaban tivo que pechar ao aumentaren as ameazas recibidas polos talibáns. Por riba, movementos talibáns da zona fixeron unha declaración pública xustificando o atentado.

Mais non todo son malas novas, afortunadamente, Shazia e Kainat están ben e Malala recupérase agora nun hospital do Reino Unido, onde hai poucos días saíu á fin da coma. Mentres, en Paquistán, aumenta o sentimento anti-talibán logo do inxustificado ataque ás cativas. E malia as ameazas dos ultras relixiosos, milleiros de persoas manifestáronse en Peshawar en apoio de Malala e do dereito das nenas a iren á escola.

Desde Amnistía Internacional propóñenlle aos escolares que lle envíen mensaxes persoais a Malala, dándolle ánimos e desexándolle que se recupere axiña. Ademais, tamén na web de Avaaz, hai unha campaña en apoio de Malala que, con perto xa dun millón de sinaturas de internautas de todo o mundo, pídelle á administración paquistaní que reforce o seu compromiso coa garantía de seguridade e recursos para a educación e en especial a das nenas.

Tamén vos pode interesar consultar os recursos que se viñeron publicando na sección de Igualdade de Botóns.

Envíalle unha mensaxe a Malala e a súas amigas

2 COMENTARIOS

  1. Educalia, é un centro de ocio educativo de Bertamiráns, aqui veñen nenos e nenas dende 2 ata 12 anos, tódalas semanas facemos obradoiros e actividades lúdico educativos. E fai uns días, con motivo da celebración do día internacional da nena, falamos de ti, Malala, do teú valor e da tua voluntade para que as nenas no teu país poidan estudiar, un dereito tan fundamental e tan necesario para formar persoas íntegras e capacitada.
    Para ti, todo o noso ánimo, e en nome de todas nós, grazas por esa enerme entrega en pro da educación.
    Mais Malalas para este mundo !!!!

  2. Xunto con noso fillo vimos de enviarlle unha mensaxe a Malala a través da campaña de Amnistía. Creo que os dous nos emocionamos. Tan lonxe, pero tan cerca á vez desta nena. A solidaridade coas Malalas deste mundo é moi necesaria.

Deixa una resposta a Lucía Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*