Dezaseis escolas inician este curso o programa educativo “Recíclate con Sogama”

Serán dotados con illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores ecolóxicos de cores, ademais dun composteiro aqueles que conten con comedor.

“Recíclate con Sogama” é un programa específico pensado para que a comunidade educativa afonde na axeitada selección de residuos, depositándoos nos correspondentes contedores de recollida selectiva. Con esa fin, cada escola é dotada cunha “illa de reciclaxe”, conformada por tres recipientes ecolóxicos (fabricados a partir de cana de azucre) con capacidade para 120 litros: amarelo, para os envases lixeiros, azul, para o papel e cartón, e verde, para os restos non reciclables. Ademais, aos centros que dispoñan de servizo de comedor subministraráselles igualmente un composteiro de 360 litros co que poderán fabricar compost a partir da materia orgánica xerada, obtendo así un abono de alta calidade apto para utilizar nos seus xardíns e hortas.

Durante este curso, este programa educativo baixo o título “Recíclate con Sogama” vaise introducir nun total de 16 colexios galegos de infantil e primaria seleccionados pola empresa pública a través do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unha iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. O Plan Proxecta foi xustamente despregado para buscar a integración, na planificación anual dos centros, de programas impulsados por entidades alleas ao sistema educativo, fomentando dinámicas que sirvan para desenvolver as competencias básicas e a educación en valores.

Por medio da iniciativa, pasan a integrar o programa “Recíclate con Sogama” os seguintes centros: seis na provincia da Coruña: o CEIP Plurilingüe “O Grupo” de Ribeira, “Emilio Navasqüés” de Outes, “Manuel Masdías” de Ferrol, “Areouta” de Fisterra, “Pedro Barrié de la Maza” de Sada e “Pío XII” de Santiago de Compostela. Outros seis no caso da de Pontevedra: o Ceip “Lourido” de Poio, “As Covas” e “Coirón-Dena” de Meaño, o Ceip de Oca, na Estrada, o Cpi “Aurelio Marcelino Rey García” de Cuntis e o Ceip “Carballal-Cabral” de Vigo. Pola súa banda, a provincia de Lugo estará representada polo Cpi “Ramón Piñeiro” de Láncara, “O Salvador” da Pastoriza e o colexio de Monterroso. A de Ourense achega un, o CRA de Monterrei.

Sensibilización e formación práctica na separación do lixo
Os centros participantes desenvolverán neste contexto os seus propios proxectos específicos, coas actividades que estimen necesarias para garantir a consecución dos obxectivos.

Ademais, Sogama tamén materializará diversas actuacións coas que pretende lograr que o conxunto da comunidade educativa participante, tanto docentes como alumnos e persoal auxiliar, colaboren no sistema e interioricen os pasos a seguir para a correcta clasificación do lixo. Obxectivo engadido será nesa liña que estas boas prácticas se extrapolen aos fogares como unha rutina máis na vida diaria. Só así se conseguirá avanzar na consecución dunhas maiores cotas de reciclado en Galicia aínda por baixo das medias estatal e comunitaria.

Sogama realizará un seguimento polo miúdo do labor desenvolvido polos colexios e prestará un asesoramento continuo para que poidan alcanzar os obxectivos previstos. Haberá entrevistas e reunións periódicas cos coordinadores de cada centro e profesorado de apoio e mostraxes dos contedores que conforman as illas, obtendo deste xeito datos reais sobre o nivel de colaboración e coñecemento adquirido en cada centro, e grao de acerto ao depositar as distintas fraccións de residuos en cada recipiente.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*