Obxectivo: 30 km/h de velocidade máxima en cidades

Iniciativa europea en prol do uso da bicicleta e para cidades máis habitables, seguras e menos contaminadas.

Vivir en cidades máis habitables, seguras e menos contaminadas. Este é o obxectivo que perseguen Ecoloxistas en Acción, Stop Accidentes, Andando e Conbici no marco dunha Iniciativa Cidadá Europea (ICE). Ao longo dun ano espérase recoller máis dun millón de sinaturas de apoio á proposta de reducir a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora en núcleos urbanos de toda a Unión Europea.

Juan Merallo, representante de ConBici, fai fincapé en que unha das principais razóns para que moitas persoas non se animen a pedalear é a excesiva velocidade dos vehículos a motor. Non se poden pór vías ciclistas en todas as rúas, temos que convivir co tráfico a motor e esa convivencia tórnase máis sinxela cando as velocidades son similares. Mentres non podamos cambiar a masa dos coches xa en circulación, cambiemos polo menos a súa velocidade.

As sinaturas, que no Estado español se agarda que acaden as 50.000, serán entregadas á Comisión Europea, para que esta institución lance unha proposta lexislativa en toda a UE. As razóns para apoiar a proposta, son claras:

Menos mortes en accidentes
Reduciríase o número de persoas atropeladas cada ano nas nosas cidades e a gravidade das lesións. Ao reducir a velocidade de 50 km/h a 30 km/h, baixa substancialmente a distancia necesaria de freada, desde os 53 a 36 metros. Isto significa que as posibilidades de morrer nun atropelo pasan dun 45% a tan só un 5%, é dicir, 9 veces menos.

Máis viandantes e bicicletas
Favoreceríanse os modos máis sostibles, como a marcha a pé e en bicicleta. A maior disuasión nas nosas cidades para que as persoas anden ou vaian en bicicleta non é outra que o perigo provocado pola circulación a velocidades elevadas.

Menos contaminación
Reduciríase o ruído provocado polos automóbiles e “grazas á maior proporción de desprazamentos a pé ou en bicicleta e das menores aceleracións dos automóbiles” reduciríase a contaminación do aire das cidades e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

A redución do nivel de ruído mediante o límite de 30 km/h é de 3 decibel, segundo o consello ambiental SRU. O 80% da contaminación acústica das nosas cidades vén causada polo tráfico rodado. Os datos oficiais indican que o 74% da cidadanía do Estado español está exposta a niveis sonoros superiores a 55 decibel producidos pola circulación. Dous de cada tres residentes en cidades españolas medias ou grandes viven en ambientes sonoros considerados inaceptables.

Menos combustible
Diminuiría o consumo de combustibles de automoción, o que implicaría unha mellora no noso balance comercial e un aforro en recursos financeiros que se poderían dedicar a outros fins sociais. En 2011 as compras de petróleo supuxeron o 63,1% do total do saldo comercial do país en 2011, fronte a un 43,5% en 2010, das que máis da metade foron gasóleos, maioritariamente para automoción. Resulta evidente que se se reducise o uso do o automóbil (o medio de transporte máis ineficiente) a favor dos modos non motorizados, aforraríase.

Aínda que o límite oficial actual sexa de 50 km/h, resulta perigoso circular a velocidades superiores aos 30 km/h. Un límite xeral evitaría circulacións perigosas, favorecendo un cambio de actitude nos condutores ao asumir que non se debe superar nunca ese tope. É, en definitiva, un límite exemplarizante.

A campaña que se inicia agora, dispón dunha web común na que se incluirán os contidos xerados e desde a que se poderá asinar directamente: 30kmh.eu

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*