As Illas de Reciclaxe xa están noutros once colexios

Illas de reciclaxeO obxectivo de que os escolares poidan aprender e interiorizar as boas prácticas ambientais.

Son o Ceip O Grupo de Ribeira, Manuel Masdías de Ferrol, Pedro Barrié de la Maza de Sada, Pío XII de Santiago de Compostela, Lourido de Poio, Coirón-Dena de Meaño, Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, Carballal-Cabral de Vigo, o colexio de Monterroso e o CRA de Monterrei. Todos eles teñen desde agora á súa disposición tres colectores ecolóxicos de 120 litros de capacidade, fabricados a partir de cana de azucre, que foron instalados nos lugares designados para que profesores, alumnado e persoal auxiliar poidan participar de forma activa no sistema de recollida selectiva.

A iniciativa é froito do proxecto da Sociedade Galega do Medio Ambiente, a través do seu programa “Recíclate con Sogama“, xestionado a través do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.Os cinco centros restantes, ata completar os 16 adscritos a esta iniciativa, xa participaron o pasado ano na experiencia que nos ocupa e contan cos medios materiais necesarios. Trátase do Ceip Emilio Navasqüés de Outes, Areouta de Fisterra, As Covas de Meaño, Oca da Estrada e O Salvador de A Pastoriza.

A través de proxectos específicos desenvolvidos nas escolas, e coa colaboración de Sogama, ensinarase aos pequenos que o recipiente de cor amarela destínase a acoller os envases de plástico, as latas e os briks; que o azul resérvase para o papel e cartón; e que o verde xenérico está deseñado para albergar os restos non reciclables. Os que dispoñen de servizo de comedor tamén contan cun composteiro no que poderán fabricar abono natural a partir da materia orgánica xerada, utilizándoo como fertilizante nas súas hortas e xardíns.

Aprendendo sobre sostibilidade no día a día
O obxectivo último é que os pequenos logren interiorizar que os residuos están conformados por recursos que só poderán poñerse en valor se somos capaces de segregalos e envialos á reciclaxe a través das vías definidas para isto. A correcta separación dos materiais por tipoloxías e o seu posterior depósito nos correspondentes contedores constitúen a única opción ao noso alcance para garantir a recuperación dos refugallos e a súa posterior conversión en novos produtos de utilidade, xesto que traerá consigo importantes beneficios ambientais, pero tamén económicos e sociais. A longo prazo, isto propiciará a consecución de futuros adultos responsables e comprometidos co medio ambiente e a sostibilidade.

A iniciativa concluirá en xuño, unha vez que os 16 centros participantes presenten os seus proxectos, que serán posteriormente avaliados. O punto de referencia que Sogama utilizará para realizar unha valoración dos mesmos será fundamentalmente os resultados das caracterizacións e mostraxes que periódicamente fará dos contedores situados en cada centro, cuantificando así as porcentaxes de residuos impropios en cada un.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*