Máis xogos e menos xoguetes

Flickr: http://www.flickr.com/photos/poiphotography/4748349654/

Que os nosos propósitos para o ano novo inclúan dispoñer dun pouco máis do noso tempo para xogar cos nosos fillos e fillas

Segundo unha recente enquisa internacional, os nenos son grandes consumidores. Elixen produtos e marcas tanto en alimentación como en roupa ou en xoguetes. En tempo de crise económica parécenos oportuno facer unhas reflexións e suscitar alternativas arredor deste consumismo impulsivo ao que case todos chegamos, suscitando, ademais, os beneficios que poden obterse dun cambio de actitude.

A nosa proposta para o Nadal: no canto de comprar tantos xoguetes e agasallos, escolleremos xoguetes educativos ou que deban ser compartidos e, tamén, imos ensinarlles xogos variados aos nenos da nosa familia.

Os nosos fillos teñen moitos, moitos xoguetes. Seguramente demasiados. Cada ano, os Reis, Papá Noel e a xenerosidade de toda a familia fan que se nos acumulen chismes, caixas, bonecos, construcións… Logo están os caprichiños: os nenos obteñen un xoguete novo case cada semana: nas tendas de todo a un euro, nas promocións dos restaurantes, etc Eles acumulan e acumulan. Sorpréndense ante a novidade, pero ao pouco tempo quedan aburridos dela e xa están desexando outra cousa máis. Parece que se volveron insaciables. É unha consecuencia da publicidade agresiva. Pero, en realidade, eles botan de menos xogar en familia. Prefiren xogar cunha persoa antes que facelo sós cun xoguete marabilloso. Os nenos, ás veces, están moi sós entre tantos xoguetes.

Ata agora podiámonolo permitir. Hai unhas poucas xeracións non era isto posible. Cada neno tiña que escribir unha carta aos Reis pedindo un número máximo de xoguetes. Dous ou tres, se a familia tiña recursos. Esperar que houbese unha pequena sorpresa se había menos diñeiro e máis fillos.

Observáchedes como os bebés de tan só 3-6 meses miran fascinados a outros nenos ou a cara doutra persoa que lle fai ruidiños ou lle canturrea? E que o ser humano é, fundamentalmente, un ser social e sociable. Temos necesidade de contacto físico e emocional. Algúns nenos son capaces de xogar sós durante horas, tecendo aventuras coa súa imaxinación. Pero a maioría necesita alguén que lle guíe, que lle axude a descubrir e desenvolver as súas habilidades, estimule o seu enxeño e autoconfianza. Por iso, os nenos abúrrense axiña diante dun xoguete, por moi sofisticado que sexa. Eles prefiren unha persoa, a un verdadeiro “xoguete interactivo”: seu pai, súa avóa, súa tata, seu irmanciño maior… quenqueira que sexa. E diso non se cansan e piden “outra vez”.

Fagámolo así.

– Que os nosos propósitos para o ano novo inclúan dispoñer dun pouco máis do noso tempo para xogar cos nosos fillos e fillas.

– Xoguemos con eles desde que son pequenos. Eses “xogos no colo” en que o encontro cara a cara e a risa do final favorecen o apego e proporcionan seguridade ao bebé.

– Que a nosa xornada inclúa un intre para facernos cóxegas, rodar polo chan, gatear ou cabalgar. Tamén para ler xuntos, imaxinar historias, practicar xogos de todas clases.

– Permitamos voar á nosa imaxinación con eles, servíndolles de modelo para xogar a cociñiñas, conquistas ou batallas no espazo.

– Practiquemos con eles a construción dun castelo, dunha torre: primeiro con bloques, logo con pezas de encaixar, máis adiante con naipes (máis difícil aínda).

– Recuperemos os xogos de mesa compartidos. Todos son interesantes para favorecer o desenvolvemento de capacidades mentais: memoria, lóxica, visión espacial… E ademais, con eles aprenderán a aceptar regras, a esperar a quenda, a encaixar derrotas ou a gozar desas pequenas vitorias. Os clásicos (oca, parchís, naipes, damas, xadrez…) e os modernos (monopoly, de preguntas, de debuxar e acertar…)

Para os adultos, xogar é, tamén, algo pracenteiro, que mellora o humor, relaxa e anima. Quen temos a sorte de vivir con nenos temos máis oportunidades de xogar. Ese pode ser noso propio agasallo.

Para eles. Para nós. Para todos.

Autoras: Ana Martínez Rubio, Esther Garrido Sánchez e Teresa Pastor Sánchez-Cossío. Pediatras. Centro de Saúde de Camas (Sevilla)

 

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*