A contaminación ambiental prexudica a saúde respiratoria infantil

Imaxe: wikimedia
Incremento na incidencia dalgunhas enfermidades crónicas como a asma e a alerxia.

Outro dos temas que se trataron no 10º Curso de Actualización de Pediatría de AP da AEPap é a contaminación ambiental e como lle afecta á saúde respiratoria da poboación infantil. Demostrouse que algúns compostos químicos, contaminantes ambientais, poden afectar á saúde  dos nenos cando estes se expoñen a eles a través do aire, a auga, o chan ou os alimentos. A exposición infantil a estes contaminantes contribuíu a un cambio nas patoloxías pediátricas e ao incremento na incidencia dalgunhas enfermidades crónicas como a asma e a alerxia.

Así, hoxe en día, aproximadamente unha cuarta parte da carga global destas enfermidades pode ser atribuída a factores ambientais e, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), os nenos menores de cinco anos soportan máis do 40% dela.  Segundo a doutora Marieta Fernández Cabrera, profesora na Universidade de Granada, os nenos son especialmente vulnerables pola súa inmadureza anatómica e fisiolóxica: “A incidencia de patoloxías como a asma, as dificultades na aprendizaxe, as malformacións conxénitas e o cancro aumentaron na poboación infantil de forma paralela ao desenvolvemento económico”.

Así, demostrouse que este tipo de contaminación está relacionada cunha diminución da función pulmonar e/ou un incremento das afeccións respiratorias, como a asma e as alerxias, ou con efectos adversos ao nacemento ou alteracións do desenvolvemento neurocognitivo. Segundo a experta, “as enfermidades alérxicas multiplicáronse por catro nos últimos 30 anos, e calcúlase que actualmente o 25% dos nenos desenvolven algunha nalgún momento do seu crecemento”.

Riscos no embarazo e primeiros anos
Nese sentido, o proxecto Infancia e Medio Ambiente (INMA), financiado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), está estudando o efecto dos contaminantes ambientais máis importantes durante o embarazo e o inicio da vida.

Os resultados de INMA mostran que a poboación infantil xeral española está exposta de xeito inadvertida a múltiples compostos químicos, tanto durante o seu desenvolvemento fetal como nos primeiros anos da súa vida, o que podería ter consecuencias adversas sobre a súa saúde. Por exemplo, unha maior concentración sanguínea de diclorodifenildicloroetileno (DDE), un contaminante persistente que pode transportarse polo aire, durante o embarazo incrementa nos fillos o risco de infeccións das vías respiratorias baixas e sibilancias (o son que fai o aire ao pasar polas vías estreitadas) durante o primeiro ano de vida.

O seguimento permitirá investigar efectos a longo prazo de exposicións temperás e xa que logo actuar preventivamente aconsellando actitudes e hábitos de menor risco na nosa sociedade. Mentres tanto, a doutora Fernández Cabrera suxire que “se deberían facer públicos os riscos que poden ter a exposición a determinados contaminantes ambientais sobre a saúde da poboación infantil”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*