Jane Goodall: “O importante é que a xente nova teña esperanza e forza para contaxiar a seus pais e profesores”

Jane Goodall na súa visita ao Museo da Evolución / Imaxe: MEH
Jane Goodall, naturalista, primatóloga e embaixadora da ONU, viaxou por primeira vez a África con só 23 anos.

Fascinada desde a infancia con este continente, coñeceu o famoso paleontólogo Louis Leakey e converteuse na primeira dos seus tres “anxos”. Di reler de pequena moitas veces O libro da selva e posteriormente Tarzán, ata pensar que este casou “coa Jane equivocada”. Jane Goodall recibiu recentemente no Congreso o premio internacional da Asociación Parlamentaria en Defensa dos Animais. En 2003 fora galardonada co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica. Aproveitando a súa vista ao Museo da Evolución Humana e os xacementos de Atapuerca, a xornalista Eva Rodríguez, especialista da SINC na área de ciencias naturais, conversa con ela en Burgos.

Cal foi a reacción de súa familia cando decidiu por primeira vez ir a África?
Foi miña nai quen me apoiou. Meu pai non estaba porque marchou cando se divorciaron. Miña avoa díxome que estaba completamente tola. A primeira vez fun ao Parque Nacional de Gombe en Tanzania pola miña conta. Volvín a Londres para conseguir diñeiro, e despois foime complicado obter permisos para viaxar de novo a África, porque as autoridades non se facían responsables de ter a unha moza nova illada na selva. Entón a miña marabillosa nai veu comigo catro meses a África.

Chegou ao continente africano sen formación universitaria no campo da paleontoloxía e empezou a traballar para Louis Leakey, como o coñeceu?
Coñecino no Museo de Historia Natural en Nairobi. Alguén me dixo que se estaba interesada nos animais tiña que coñecer a Louis Leakey. Collín un mapa, chameino, díxenlle que quería coñecelo e el contestoume que fose cando quixese. Cando cheguei ao museo ensinoumo e empezoume a facer preguntas sobre as especies animais que había alí para ver que sabía. Por sorte, pasara horas no museo de Londres e podía responder as súas preguntas. Isto sorprendeuno moito porque era unha moza inglesa nova, sen carreira universitaria. Deume traballo como a súa secretaria e puiden ir a un lugar que hoxe en día é moi famoso, a Garganta de Olduvai. Logo de traballar todo o día alí, sacaba tempo para atoparme cara a cara cos animais que vivían na zona e foi cando Louis Leakey me propuxo investigar sobre o noso parente máis próximo, o chimpancé.

Son moitas as súas investigacións sobre esta especie, pero que cuestións lle quedan por resolver?
Os chimpancés poden vivir uns 60 anos e cada un posúe unha personalidade diferente. Ademais, teñen diferentes historias de vida, algo que a nós nos sorprende moito. Ocasionalmente, por exemplo, os chimpancés poden ter xemelgos e é fascinante observar as relacións que establecen estes pequenos comparados con outras crías. Tamén temos visto que cando femias alleas entran a un grupo de chimpancés, estes persisten en matalas a elas e ás súas cativas, e non sabemos por que as matan. Isto ocorre un ano despois de que cheguen ao grupo e non entendemos o porqué, xa que é moi probable que sexan as súas propias crías. É un comportamento moi estraño. Convértese nun hábito moi destrutivo.

Un dos seus achados é precisamente que poden ser moi agresivos e ata manter crueis guerras entre grupos durante anos. Imaxínome que temeu pola súa vida en múltiples ocasións.
Ben, cando estaba cos chimpancés, ao principio tratábanme coma se fose unha depredadora e intentaban botarme. Era consciente que podían facelo porque son tres veces máis fortes ca min. Eran moi grandes, rubían as árbores e ameazábanme balanceando as ramas. Nunha ocasión un deles golpeoume a parte de atrás da cabeza, foi aterrador. Outras veces, cando os machos exhibían a súa forza aos outros, si te atopabas no seu camiño, tirábante. Dúas ou tres veces estiven a piques de caer por un barranco por este motivo. Noutras ocasións tiven que subirme a unha árbore por culpa dun búfalo, fuxir dun leopardo ou quedarme moi quieta para que unha serpe non me atacase.

Cales son os argumentos polos que está en contra da investigación biomédica con primates?
Estou moi en contra dese tipo de investigación. Está probado que non son útiles para estudos médicos. Hai un panel enorme de investigadores en Estados Unidos que estudaron todos os procedementos que se fixeron utilizando chimpancés no Instituto Nacional de Saúde (NIH, polas súas siglas en inglés). Atoparon que case ningún produciu en realidade ningún resultado útil.

Recentemente unha misión iraniana enviou un pequeno mono ao espazo, que opina deste tipo de prácticas?
É horrible, debeu ser terrorífico. Os primeiros chimpancés que se enviaron ao espazo morreron por un aumento no tamaño do corazón, debido probablemente ao estrés. Existe unha historia, a de Ham, o primeiro chimpancé que se levou ao espazo, que conta que estaba tan asustado dentro da pequena cápsula que os seus adestradores decidiron demostrarlles aos xornalistas que non era así e cando quixeron devolvelo á cápsula, estaba tan aterrorizado que entre catro homes non eran capaces.

Vostede sabe que en España hai corridas de touros. Nestes momentos hai unha proposta parlamentaria para declaralo ben cultural. Que opinión lle merece?
Polo que eu sei, unha gandeiría ten vacas e touros, que teñen sentimentos. Sinten tristeza, estrés e medo. O único que podo dicir das corridas de touros é que, se eu fose un touro, estou completamente segura de que non querería participar nunha corrida.

Respecto dos zoos e os parques que teñen aos animais en catividade, cre que é unha boa opción para a conservación de especies?
Están mellorando moito. Algúns desenvolven programas de reprodución en catividade, estudan a xenética das especies e ata recadan diñeiro para conservar os animais no seu hábitat natural. Pero, ademais, débese facer un esforzo por mellorar a calidade de vida destes animais dentro dos zoos dándolles algo que facer: retarlles, facerlles pensar, facerlles traballar. É moitísimo mellor.

Na actualidade non desenvolve investigacións científicas, que meta se propuxo?
Son científica, pero agora non fago ciencia, viaxo os 365 días do ano sensibilizando o público para que teñan maior conciencia ecolóxica. Isto implica ter un coñecemento científico para expresar o que sabes sobre o mundo, porque o que se lle comunica á xente ten que ter unha base científica. Estou moi agradecida por facer o meu doutorado e aprender o método científico, serviume de moita axuda. Aprendín a pensar de forma máis racional.

Podería explicarme como xurdiu a idea de crear o proxecto educativo que lidera, Roots&Shoots?
Coñecín a moita xente nova que parecía non ter esperanza no futuro, estaban enfadados, o instituto e a universidade parecíanlles deprimentes. Cando lles preguntaba por que, todos contestaban basicamente o mesmo: “Nacemos co noso futuro en perigo e non podemos facer nada”. Iso é terrible, pero eu creo que non é demasiado tarde. O importante é que a xente nova teña esperanza e forza para contaxiar a seus pais e profesores.

Que pode facer un cidadán calquera para conservar a contorna?
Unha das cousas polas que nós loitamos é protexer o hábitat e combater a caza furtiva. Hai que educar, isto é fundamental. En África, á xente que caza hai que darlle recursos para que teñan outra actividade da que poidan vivir, non podes esperar que deixen de facelo porque si, é a súa forma de vida. Pero non só en África, tamén en España, en calquera parte hai que protexer o que aínda nos queda.

Cre que conseguiu todos os soños que perseguía de pequena?
Non. Temos que facer un mundo máis sostible. O meu soño é crear unha masa crítica de xente nova que entenda que necesitamos diñeiro para vivir, pero non podemos vivir para o diñeiro. É preciso que nos afastemos deste terrible estilo de vida tan materialista.

FONTE: SINC

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*