Autismo Galicia adicoulle o Día Mundial do Autismo á inclusión laboral e sanitaria

Presentados dous programas de inclusión laboral e sanitaria para as persoas con trastorno do espectro do autismo.
 
A Federación Autismo Galicia conmemorou o Día Mundial de Concienciación do Autismo coa presentación de dous programas de inclusión nos eidos laboral e sanitario, dous entornos clave para que as persoas con autismo poidan desenvolver unha vida normalizada.

 Coincidindo co Ano Europeo da Participación Cidadá, Antonio de la Iglesia, Presidente de Autismo Galicia e de Autismo España, fixo especial fincapé na necesidade de unir esforzos para lograr unha sociedade activa e participativa para alcanzar a verdadeira igualdade dun colectivo numeroso aínda que descoñecido en gran medida. A denominación Trastornos do Espectro do Autismo (TEA) comprende un conxunto de síndromes neurobiolóxicos que afectan a 1 de cada 150 nenos en idade escolar. Estímase que só en Galicia, arredor de 2.000 persoas presentan un destes trastornos crónicos, que afectan principalmente ás capacidades sociais e de comunicación.

Facilitar o uso dos servizos sanitarios
As persoas con TEA teñen problemas á hora de expresar as súas dificultades e adoitan presentar especial sensibilidade aos ruídos, olores ou ao tacto, polo que é fundamental que os profesionais que os atenden nos centros de saúde coñezan estas características e poidan brindarlles unha atención de calidade.

 Nun acordo pioneiro en Galicia, a Federación Autismo Galicia e a Facultade de Enfermería da Universidade de Santiago desenvolverán un programa de formación e sensibilización entre os estudantes do grao de enfermería e os usuarios do Centro de Día de Villestro de ASPANAES. Con este traballo conxunto, preténdese fomentar a familiarización entre os profesionais sanitarios e os pacientes con TEA para facilitar así o seu paso polos centros de saúde, un lugar que adoita resultar estresante e confuso para as persoas con autismo.

O traballo como forma de plena inclusión
A plena participación social pasa necesariamente pola inclusión laboral, unha meta que require do compromiso de toda a sociedade. Baixo esta premisa, Autismo Galicia presenta o programa de formación en habilidades sociolaborais, que ten como obxectivo axudar ás persoas con TEA a desenvolver as súas capacidades organizativas e sociais de cara á súa inclusión nunha empresa ordinaria.

2 COMENTARIOS

  1. Desearía recibir información, sobre vuestras actividades y la posibilidad de “escolarizar” a un niño de 14 años que tiene TRASTORNO XERAL DO DESENROLO ENCUADRABLE EN EL ASPECTRO AUTISTA. Actualmente está escolarizado en un IES y atendido unas horas por una profesora de PT.
    Gracias por la información que me podais enviar.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*