Arabia Saudí autoriza á fin clubes deportivos femininos e que a muller monte en bicicleta

O país envíou mulleres a uns Xogos Olímpicos por primeira vez en Londres 2012.

Non poden conducir, está prohibido por lei e dependen dos homes para poder trasladarse nun vehículo. Abrir unha conta nunha entidade bancaria ou viaxar ao estranxeiro tampouco son accións que unha muller de Arabia Saudí poida realizar, aínda que neste caso poderíano facer cando conten con “permiso” dun home: o seu pai, irmán ou marido.

Son exemplos da represión e prohibicións que as mulleres sofren en Arabia Saudí e fronte ás que grupos internacionais en defensa dos dereitos humanos levan anos protestando. Este país islámico baixo unha monarquía absoluta viviu en épocas recentes apenas algúns pequenos xestos de apertura en favor da muller. Así, en Londres 2012, de forma inédita, permitíase que dúas mulleres sauditas, unha corredora na especialidade de 800 metros e unha iudoca, acudisen aos Xogos. Wodjan Ali Seraj Abdulrahim Shahrkhani, na especialidade de iudo, e Sarah Attar na pista de atletismo convertéronse así en pioneiras. Agora, a teocracia saudita dá outro pequeno paso e anuncia oficialmente que permitirá os clubs deportivos femininos. Ata este momento as mulleres só podían practicar deporte en ximnasios especiais cualificados como “centros de saúde” con permiso do Ministerio de Sanidade. Líderes relixiosos sauditas pronunciáronse en contra de que as mulleres practiquen deporte e os centros educativos non ofrecen actualmente clases de educación física para as nenas.

O diario Al Jazeera facíase eco recentemente doutro fito, publicando que as mulleres poderían á fin conducir motos e bicicletas en parques e áreas recreativas. Malia todo “terán que ser acompañadas por un home da súa familia e vestir o veo islámico.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*