Obradoiros de Lecer no CGAC

Actividades para nenos e nenas no museo durante este verán.

O Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) programa os seus talleres de lecer nos meses de xullo e agosto. O obxectivo é que os nenos e nenas reflexionen sobre a importancia da arte para comprender o mundo que os rodea e que teñan a oportunidade de se implicar nos procesos creativos da man de artistas e profesionais de diferentes disciplinas culturais. Xogar, coñecer, comunicarse e experimentar cos múltiples soportes, linguaxes, técnicas e conceptos da arte máis actual.

Obradoiro de ‘maruxiñas’ recortables para vestir. Trae o teu traxe
9-12 de xullo

11 a 13 h
Prazas: 20
Idade: de 8 a 10 anos
Dirixido por Montse Rego (artista e deseñadora de obxectos)
A partir dunha selección de modelos de bonecas recortables (coñecidas popularmente comomariquitas) os participantes deseñarán as súas propias prendas. Perfilarán as súas siluetas sobre teas para logo cortalas e proxectar sobre elas os diferentes modelos. Así poderán debuxar a imaxe na tea e decorala con pintura para tecido, cintas de cores, purpurina, pompóns…
Ademais, relacionarán a actividade coa práctica artística de Víctor Grippo, en canto ao uso que o arxentino fai de alimentos como a pataca ou o pan transformándoos en elementos de creación. Os nenos e nenas, crearán os deseños das súas camisetas empregando verduras (brócoli, cebolas, apio, lombarda, pementos) a modo de tampóns, incorporando os elementos domésticos e naturais ao terreo da arte.
 
Taller de creación vocal. Canto conto
16-19 de xullo

11 a 13 h
Prazas: 20
Idade: de 7 a 9 anos
Dirixido por Mónica de Nut (cantante, creadora e pedagoga musical)
A través da experimentación e a exploración das posibilidades sonoras, os nenos e nenas poderán tomar contacto coa súa propia voz, investigar o seu funcionamento, as súas posibilidades técnicas e expresivas e a súa manifestación mediante composicións individuais e de grupo. Cada día ensaiarase coa voz creando con ela e co contorno. Visitarán as exposicións do centro e poderán emitir sons a partir de imaxes.
Por medio do xogo os participantes explorarán unha linguaxe sonora propia. Traballarán coas calidades do son (altura, volume, ritmo, timbre…), a respiración, a entoación, a proxección vocal ou os resoadores corporais realizando creacións baseadas na improvisación. Poderán descubrir o corpo como instrumento de percusión ou o uso de material sonoro non convencional (tubos, papeis, tecidos, material plástico, etc.).
Indagarán as particulares acústicas e múltiples sonoridades dos espazos interiores e exteriores do CGAC e probarán a imitación vocal dos sons producidos polos elementos da contorna (os sons da cidade, do parque, da rúa, da xente, das cousas, etc.).
 
Taller de deseño de museos. O meu museo, o teu museo
22- 24 de xullo

11 a 13 h
Prazas: 20
Idade: de 10 a 12 anos
Dirixido por Rocío Figueroa (crítica de arte e comisaria independente)
Con motivo do vixésimo aniversario do CGAC, este taller propón dar a coñecer aos nenos e nenas o mundo dos museos de xeito global: poderán deseñar e dirixir un museo, exercer de artistas, traballar como comisarios de exposicións, actuar como responsables de comunicación e programar actividades.
Deseñarán e construirán unha maqueta libre do seu centro de arte. Poñeranse na pel do artista creando obras específicas para o seu proxecto —pequenas pinturas, esculturas, instalacións…— e tendo en conta a distribución dos espazos, o seu tamaño, os materiais, a súa perdurabilidade, o discurso expositivo e o diálogo co público.
Finalmente, prepararán unha mostra e unha visita guiada polo seu museo á medida. Se o tempo o permite, exhibirán e compartirán o seu traballo cos visitantes do parque de Bonaval.
 
Taller de plástica musical. Sonata de pintura e obxectos en son menor
30 de xullo- 2 de agosto

11 a 13 h
Prazas: 15
Idade: de 4 a 6 anos
Dirixido por María Move (artista, música e cantante)
Neste taller dirixido aos máis pequenos, integraranse as artes plásticas e a música.
Os participantes tentarán compaxinar o ritmo musical e o ritmo da expresión plástica.  A fala do que vemos e tocamos. Pintarán co corpo e poderán descubrir o potencial expresivo doutras partes do corpo como os pés, a cabeza ou o tronco.
Os nenos e as nenas buscarán asociacións entre obxectos e sons. Cantarán obxectos e bailarán a pintura. Debuxarán tamén a música de xeito automático, seguindo as melodías, os cambios rítmicos, as diferentes intensidades, os silencios… e trasladando a percepción sonora a cores, pulsións e formas diversas.
Construirán instrumentos musicais sinxelos, modelarán unha esfera de barro e farán unha obra á que lle irán incorporando elementos conxuntamente.
 
Taller de improvisación teatral. O que pensa perde
6-9 de agosto

11 a 13 h
Prazas: 20
Idade: de 9 a 11 anos
Dirixido por Inés Salvado (fotógrafa, profesora de teatro e actriz)
Os rapaces e rapazas que se acheguen a este taller precisarán deixar de pensar e deixarse levar pola libre circulación de ideas para descubrirse, expresarse e gozar.
Traballarán cos pensamentos e cos movementos seguindo os seus impulsos, poñendo a énfase na espontaneidade e na imaxinación deixando experimentar e vivir ao noso corpo sen constricións e afastándose todo o posible da reprodución mecánica da realidade.
Igual que na obra de Víctor Grippo, a exploración e manipulación de obxectos cotiáns, e doutros elementos de diferentes texturas, temperaturas e tamaños, poderá levalos a infinitas posibilidades de transformación e expresión, desviándoos do seu uso habitual, neste caso, cara á construción de historias, accións, personaxes, vestiario e escenografías.
 
INSCRICIÓN: Os talleres son de balde e para participar é preciso chamar aos teléfonos 981 546 602 ou 981 546 631.
COORDINACIÓN: Virginia Villar

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*