Un total de 162 traballos compiten no Premio Europeo de Ilustración “Cociña de contos”

Na procura da mellor proposta para o álbum ‘Hansel e Gretel’.

Un total de 162 traballos compiten no “Premio Europeo Cociña de Contos á mellor proposta de ilustración para o álbum ilustrado Hansel e Gretel”. Este certame enmárcase dentro das actividades do proxecto Cociña de contos. Europa á carta, deseñado por OQO editora e que, coas editoriais O Bichinho de Conto (Portugal) e Tako (Polonia) como socias, foi seleccionado para o Programa Cultura 2007-2013 da UE. O concurso, que conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, ten como aspecto novidoso que unha das obras finalistas será elixida a través de votación popular na rede social Facebook.

Dos 162 traballos presentados quedarán cinco obras finalistas, unha elixida co voto do público a través do espazo www.facebook.com/Europaalacarte.

O fallo darase a coñecer o 20 de setembro e o premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros. Poderanse ver as ilustracións premiadas nunha exposición itinerante, que estará en Pontevedra e tamén en cidades de Portugal e Polonia. En Madrid, a mostra visitará a Casa del Lector. A persoa premiada será quen ilustre o álbum que se editará en galego, español, portugués e polaco. Presentarase no Salón do Libro de Pontevedra 2014, xa que a programación desta edición tamén xirará, ao igual que Cociña de contos. Europa á carta, ao redor da gastronomía e a literatura. No eido musical, a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpretará a peza musical inspirada nesta obra, cuxo resultado poderá gozarse no CD que acompañará ao álbum.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*