Semana Europea da Mobilidade

Deica o 22 de setembro. Un evento pensado para concienciar a cidadanía sobre as alternativas existentes ao uso do coche particular.

Cada ano a Semana Europea da Mobilidade céntrase nun tema concreto en torno ao cal as autoridades adscritas teñen a obriga de organizar as súas actividades. En 2013, o eslogan elixido foi “Aire limpo. Este é o teu movemento”, estando en plena consonancia coas propostas presentadas recentemente pola Unión Europea en torno ás enerxías limpas para o transporte e a petición realizada ás cidades de poñer en marcha plans racionais de mobilidade urbana. Porque resulta evidente que, cambiando as pautas de mobilidade por parte dos habitantes (camiñar, utilizar a bicicleta e o transporte público), estes teñen a oportunidade de mellorar a calidade do aire e, por conseguinte, o seu benestar.

A campaña céntrase fundamentalmente en tres tipos de accións: promover o transporte alternativo ao coche, informar e sensibilizar á poboación sobre o estado actual da mobilidade e as súas consecuencias no plano da contaminación, e proporcionar unha visión diferente das cidades grazas á restricción do tráfico motorizado en certas zonas. Así mesmo, constitúe unha oportunidade para que os municipios poidan poñer a proba as súas políticas de transporte, permitíndolles realizar unha avaliación máis rigorosa das mesmas e efectuar os pertinentes axustes de cara a facelas máis sostibles.

Dende a Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) convídannos a involucrarnos nesta Semana Europea da Mobilidade e recordan que desde o inicio da súa actividade, Sogama distinguiuse por buscar vías alternativas para o transporte dos residuos por estrada, utilizando, no caso dos producidos na cidade de Vigo e provincia de Ourense, o ferrocarril como medio preferente por ser máis respectuoso co contorno, permitindo trasladar maior mercancía nunha soa viaxe.

Máis información na web oficial da campaña: Mobility Week

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*