O Foro de FEGADACE insta a seguir rompendo as barreiras de accesibilidade

fegadace-foroA pasada fin de semana tivo lugar o II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido.

“Seguir rompendo as barreiras de accesibilidade” para dar resposta ás necesidades de todas as familias de persoas con dano cerebral, facer valer os nosos dereitos, “formalmente recoñecidos” pero non desenvolvidos, e seguir informando e sensibilizando sobre as peculiaridades da nosa discapacidade son tres dos principais obxectivos sinalados por Valeriano García, director-xerente de FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral), para centrar o traballo das asociacións de familiares e persoas con dano cerebral.

Na charla que impartiu, sobre ‘O papel reivindicativo das asociacións’, lembrou que “o problema do dano cerebral adquirido vén coa alta” hospitalaria, cando “a familia se converte no único soporte” da persoa con dano cerebral. Teimou en que as asociacións teñen que insistir no seu carácter reivindicativo, pois “somos modelo de diálogo” á hora de facer propostas acompañando as protestas. “Temos que estar alí onde se regule calquera cousa que teña que ver co dano cerebral”, pois esta é unha discapacidade pouco coñecida mesmo dentro do propio sector.

Tamén salientou a necesidade de “facer esforzos para seguir ampliando a nosa base social”, facer que máis familias coñezan as asociacións, pois estas atenden a unha parte moi pequena das 35.000 persoas que teñen dano cerebral en Galicia.

A conferencia de Valeriano García abriu o II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido que organiza FEGADACE (Federación Galega de Dano Cerebral). O encontro inaugurouse cos discursos de José Balboa, presidente da Federación, e María Castelao, Concelleira de Benestar de Santiago, salientando o primeiro a necesidade de sobrepoñerse e seguir avanzando pese ao complicado dos tempos, e insistindo a segunda na proximidade e vontade da administración local de fortalecer a colaboración coas asociacións de dano cerebral.

Trala conferencia inicial, chegou o momento da mesa redonda ‘Falan as familias’, na que tres persoas membros das asociacións federadas en FEGADACE expuxeron a súa experiencia co dano cerebral adquirido. Loli Quintas, nai de Samuel (usuario da asociación Renacer, de Ourense), Fernando Galdo, fillo dunha usuaria de ADACE-Lugo, e Paco Girón, marido de Mª Carmen (usuaria de Alento, a asociación de Vigo), tiveron en común nos seus discursos o agradecemento ás súas entidades e a insistencia na necesidade de perseverar cos seus familiares.

Outro dos puntos en común das súas intervencións foi o recoñecemento do traballo e da vontade de rehabilitación dos seus familiares con dano cerebral. “Cando a persoa loita, nós xa non temos tanto mérito”, afirmaba Paco, mentres Loli recoñecía que o seu fillo “tirábase da cama e arrastrábase porque quería andar”. A inclusión social, o interese en seguiren adiante coas súas vidas, foi outro dos puntos comúns.

Tralas familias falaron as persoas con dano cerebral adquirido: Manuel Nogueira, usuario de ADACECO que tivo un ictus, Natalia Gestoso, membro de Sarela que sufriu un accidente de tráfico, e Mª Carmen Rivas, usuaria de Alento que tivo tamén un ictus, narraron as súas experiencias coa rehabilitación e os seus sentimentos con respecto ao dano cerebral.

Unha vez máis, tiveron en común o agradecemento ás asociacións e o seu interese tanto pola rehabilitación como polas actividades de convivencia e sociais das súas asociacións, ao tempo que sinalaron como crucial o papel dos seus contornos familiares. Manterse activos e “non dar pasos atrás nin para coller impulso”, como dixo Mª Carmen, son os seus intereses para seguir batallando coa súa rehabilitación.

***
Fonte: Fegadace (FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido)

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*