V Curso de formación sobre o patrimonio lúdico

cartel-patrimonio-ludico“Xogo tradicional e desenvolvemento psicomotriz”. En Carballo. 8 e 9 de novembro.

No ano 2009, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega organizaron en Melide unha actividade de formación que pretendeu achegar o estudo do patrimonio lúdico ao ámbito educativo. A resposta obtida por aquela convocatoria téndose esgotado todas as prazas ofertadas, provocou que se concibise unha segunda edición do Curso no ano 2010, daquela centrada máis especificamente nalgunhas didácticas específicas, pero na que non se esqueceron perspectivas máis globais –institucións europeas, universitarias, gobernos locais, ámbitos empresarial…– co obxectivo de ir construíndo unha visión o máis completa posible dos procesos de recuperación dos patrimonios lúdicos nacionais.

A terceira edición da actividade, a do ano 2011, pretendeu xustamente afondar nalgúns aspectos apenas bosquexados nas precedentes, ao tempo que optaba por reservar espazos específicos para o coñecemento e a reflexión sobre algúns deportes tradicionais galegos. Precisamente para a práctica dalgunhas destas modalidades deportivas contouse cos propios xogadores-protagonistas da súa recuperación. O IV Curso de Formación do Patrimonio Lúdico trasladou o seu lugar de celebración para a Illa de Arousa, xustamente para darlles opcións ás prácticas lúdicas propias da costa de ter o protagonismo que a súa vixencia merece.

Nesta quinta edición o Curso desenvolverase en Carballo, a capital de Bergantiños, unha das comarcas máis e mellor definidas a nivel cultural de todo o país, na que o patrimonio lúdico atopa manifestacións específicas e na que se están desenvolvendo interesantes proxectos de recuperación e posta en valor do xogo tradicional: clubs de chave, o Museo Etnolúdico Galego de Ponteceso, desenvolvemento de teses de doutoramento sobre os espazos de xogo, proxectos de longo percorrido nalgúns centros da comarca…

OBXECTIVOS
1. Achegarse á cuestión do xogo tradicional desde unha óptica global, atendendo aos procesos de recuperación do patrimonio lúdico que se están desenvolvendo desde diferentes ámbitos.

2. Analizar o xogo tradicional, e en especial o propio da comarca de Bergantiños, como manifestación cultural, así como o seu papel específico na construción da identidade.

3. Poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito escolar.

4. Investigar posibles estratexias de recuperación do patrimonio lúdico galego desde o ámbito dalgunhas didácticas específicas e valorar o seu papel no desenvolvemento dos procesos educativos.

5. Particularmente, afondar na relación das prácticas lúdicas tradicionais co desenvolvemento psicomotriz e co crecemento harmónico do ser humano.

6. Practicar unha importante batería de xogos e deportes de diferente tipoloxía e poñer en común variantes das modalidades propostas, e mesmo outras diferentes.

Máis información e inscrición

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*