Que é unha catarreira e como tratala

Autores: Manuel Merino Moína. Pediatra e Juan Bravo Acuña. Pediatra. Ambos os dous do Centro de Salud El Greco. Getafe (Madrid)

Que é un catarro?
Para entendernos enseguida, pódese dicir que un catarro ou arrefriado é cada un dos episodios de obstrución nasal, aumento de mucosidade e tose, que se teñen comunmente no período invernal e que lle valeron aos nenos pequenos o alcumo de “mocosos”.

Flickr: sneika (http://www.flickr.com/photos/nseika/6336932162/ )
Flickr: sneika (http://www.flickr.com/photos/nseika/6336932162/ )
Dentro do catarro, chamado tecnicamente “infección respiratoria alta” ou “catarro de vías altas”, inclúense unha variedade de síntomas que proveñen da inflamación da mucosa respiratoria que vai desde o nariz aos bronquios, e segundo o que máis predomine (porque adoitan estar mesturados) diríase que se ten unha rinite (mucosidade nasal), unha farinxite (dor de gorxa), unha larinxite (tose rouca) ou unha bronquite (tose e ruídos respiratorios). Os arrefriados poden ir acompañados de febre e esta obsérvase con máis frecuencia canto menor sexa a idade de quen os sofre.

Os arrefriados son moi habituais e constitúen o motivo de consulta máis frecuente ao pediatra. Este tipo de infeccións respiratorias son por norma autolimitadas, é dicir, que se curan soas no prazo duns poucos días e sen deixar secuelas.

Quen os produce e como se transmiten?
Os causantes das catarreiras son case exclusivamente os virus e estímase que están involucrados máis de 200 tipos diferentes, predominando unha familia destes microorganismos coñecida como os rinovirus.

A infección transmítese dun individuo infectado a outro san a través de secrecións das vías respiratorias (mocos) que se expulsan ao aire mediante a tose ou os espirros, ou por medio de obxectos contaminados con estas secrecións. A porta de entrada pode ser a boca, o nariz ou a fina pel que recubre os ollos (conxuntiva). Está demostrado que as mans son tamén un vehículo moi importante para a transmisión das infeccións respiratorias. No caso dos nenos pequenos, a diseminación vese facilitada ao compartir obxectos e xoguetes que chupan, e pola propensión ao contacto directo coas mans e a cara (e ás veces os dentes)

Cal é o seu curso máis habitual?
Cando hai febre, esta non adoita durar máis de 3-4 días, os síntomas nasais e de gorxa ceden nunha semana, pero a tose é xeralmente máis persistente e non é raro que dure 2 ou 3 semanas.

A mucosidade nasal vai cambiando tamén ao longo da enfermidade: inicialmente é como auguiña que escapa polo nariz, pero enseguida vai espesando converténdose en mocos esbrancuxados que logo se volven amarelos e ata verdosos e desta forma persisten uns días. Isto non é signo de complicación nin de necesidade de tratamento antibiótico.

Por que os nenos collen tantas catarreiras?
Primeiro, porque conviven con eles outras persoas que lles contaxian; é dicir, están en contacto con outros nenos (parque, xardín de infancia ou colexio) e adultos que lles transmiten os virus do arrefriado.

E segundo, porque a súa inmunidade é aínda inmatura, de forma que o seu sistema de defensa “descoñece” a todos estes microbios e por iso resultan infectados con máis facilidade.

Estímase, como promedio, que un adulto normal padece 1 ou 2 catarros anuais e un neno entre 5 e 6, aínda que dependerá moito do momento da infancia en que se atope, cun pico de incidencia máxima nos primeiros anos de escolarización ou de asistencia á gardería. Esta situación de maior susceptibilidade é transitoria e ao cabo dun par de malos anos o número de episodios anuais de catarro diminúe claramente. É coma se tivésese que pasar forzosamente por esta etapa de catarro tras catarro nos primeiros anos da vida, e isto corrobórao o feito de que os nenos que han ir previamente ao xardín de infancia, cando logo chegan ao colexio faltan menos a clase por enfermidade que os seus compañeiros máis “novatos” no mundo dos arrefriados.

É interesante aclarar que os nenos non se acatarran por saíren ao patio do colexio (o que comunmente dise como que “colleu frío”), senón que a transmisión do arrefirado prodúcese con moita máis facilidade nos locais pechados (a aula), pois o contacto é máis estreito e ademais, ao haber menos ventilación, as toses e espirros dos acatarrados cargan o ambiente de virus en suspensión, que inhalan os ata entón sans

Como se trata?
O obxectivo primordial do tratamento dun arrefriado é aliviar os seus síntomas, xa que non podemos atacar a orixe, e ademais previr no posible ou estar ao tanto da aparición de complicacións, e todo iso tendo moi presente a tendencia natural destes procesos á curación espontánea; ou o que é o mesmo, intentando evitar ao máximo a provocación de efectos secundarios debidos ou atribuíbles ao tratamento empregado.

Unha das medidas máis eficaces como alivio para o neno acatarrado é o lavado nasal con soro fisiolóxico. No caso dos bebés é recomendable axudarse dun aspirador nasal, de venda en farmacias, especialmente antes das tomas e de deitalos. O emprego de medicamentos, exceptuando os analxésicos-antitérmicos (paracetamol, ibuprofeno, etc.) non produce efectos destacables como para recomendar o seu uso de forma xeneralizada. É importante saber que o tratamento dun catarro con antibióticos non acurta a súa duración nin diminúe a probabilidade de complicacións, e polo tanto favorece o desenvolvemento de resistencias a estes medicamentos.

Poden evitarse?
Neste momento non hai unha vacina eficaz contra o arrefriado de forma xeral, pois son moitísimos os microbios capaces de dar lugar a este cadro clínico. Hai con todo unha “solución parcial” como é a vacinación anual contra a gripe, pero tendo ben claro que quen a recibe só queda protexido contra o virus concreto da gripe e non fronte ao resto dos posibles causantes de cadros catarrais.

Outra estratexia preventiva, máis difícil de levar a cabo, é a evitación da exposición a persoas acatarradas. De todos os xeitos, é moi importante explicarlles aos pais que o lavado de mans con frecuencia é un dos mellores hábitos para evitar a transmisión de enfermidades infecciosas.

O meu fillo está acatarrado, cando debo levalo ao pediatra?
Os catarros que non se complican cúranse sós e non necesitan tratamento con medicinas. A vixilancia dos pais debe dirixirse á detección de posibles complicacións. Estas son producidas sobre todo por bacterias, causantes de otites, sinusites, conxuntivite purulenta ou neumonía. A duración da febre de máis de 3 días, a dor de oídos, a dificultade para respirar, a persistencia de máis de 10 días de mucosidade nasal espesa de cor amarela ou verdosa, ou o decaimento, deben ser considerados como motivos de consulta ao pediatra.

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

2 COMENTARIOS

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*