Gala solidaria en apoio do Festiclown Palestina

festiclown-palestinaUn feixe de artistas colaboran en Compostela neste evento o vindeiro xoves 19 de decembro.

Volve a “risa rebelde”. Coa presenza de Sergio Pazos, Monica de Nut, Evaristo Calvo, Luis Iglesia Besteiro e Xabier Deive, Najla Shami, o Mago Teto e Camilo Franco & Mr. Cool, presentados por Os Sete Magníficos máis Un, a compañía oficial do Festiclown, terá lugar o xoves 19 de decembro, no salón de actos do Hotel Araguaney, en Santiago de Compostela, ás 21 horas.

É a segunda edición desta gala solidaria organizada para a procura de financiamento para o novo Festiclown Palestina que en xaneiro de 2014 quere acender unha morea de sorrisos na cativería daquelas terras e ao tempo sensibilizar sobre a falta de dereitos da poboación.

As entradas, a un prezo de 10 euros, xa poden mercarse na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6, Compostela), escribindo a info@pallasosenrebeldia.org ou chamando ao 981582836.

Esta é a segunda gala solidaria que ambas as dúas entidades galegas poñen en marcha nos últimos días, xa que o pasado 29 de novembro, diversos artistas como Sergio Pazos, Jabier Muguruza, Porrotx Pailazoa, Santi Ugalde, Pablo Muñoz ou Virginia Imaz, entre outros, tamén achegaron o seu talento por Palestina no Teatro Prinicipal de Donostia.

O Festiclown Palestina fíxose realidade por vez primeira en setembro de 2011. Logo de varios anos de caravanas solidarias a diversos territorios palestinos, durante 15 días Nablus, Ramallah e Jerusalem foron escenario das actuacións de Pallasos en Rebeldía. Acompañados por Patch Adams, Leo Bassi, Peter Punk e outros artistas, os integrantes deste grande espazo do circo social devolvéronlles o sorriso a milleiros e milleiros de palestinos e palestinas.

Na rede hai tamén unha campaña en ‘Verkami’ co obxectivo de conquerir financiamento para este segundo Festiclown Palestina

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*