Xira de Nadal dos Bolechas

os-bolechas-nadal“Os Bolechas fan unha banda” chegará, do 22 de decembro ao 8 de xaneiro, a un total de once localidades.

O espectáculo levará a coñecida Familia Bolecha e as súas músicas a Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Vigo, Burela, Santiago de Compostela, Cangas, Ourense, Narón, Lugo, A Coruña e Vilalba.

Tatá, Carlos, Braulio, Sonia, Pili, Loli e Chispa argallarán un grande espectáculo que inclúe unha manchea das pezas que se poden atopar no novo libro-disco “Os Bolechas fan unha banda”. Todas elas, orixinais e creadas por dez dos grupos e intérpretes galegos, e en galego, máis coñecidos do momento.

O repertorio repasa diferentes estilos musicais, que inclúen desde a música máis tradicional de Pandeiromus ata a cumbia de O Sonoro Maxín, pasando polo punk máis divertido de Novedades Carminha, polo rock de Ataque Escampe e Sés, polo reggae de Transilvanians, polo power pop dos The Homens, polo pop pausado de Eladio y los seres queridos, polo pop electrónico de Álex Casanova ou polo rap de Aid.

A xira de Nadal dos Bolechas percorrerá once vilas e cidades galegas entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro. A primeira cita será en Vilagarcía de Arousa; o 23 de decembro poderanse gozar en Pontevedra; o 26 de decembro, en Vigo; o 27 de decembro, en Burela; o 30 de decembro, en Santiago de Compostela. Xa en xaneiro, o musical poderase gozar o día 2, en Cangas; o 3, en Ourense; o 4, en Narón; o Día de Reis, en Lugo; o 7, na Coruña e o 8, en Vilalba.

En palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “Os Bolechas, galegofalantes, son un referente para os cativos e cativas de Galicia, un modelo divertido que permite asociar a lingua galega a elementos positivos. Todo un valor para achegarlles a lingua propia de Galicia, o maior signo de identidade do noso pobo, ás idades máis temperás”.

As entradas xa están á venda en www.servinova.com e toda a información ampliada en www.osbolechas.com

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*