A gripe nos nenos

Os nenos son os que antes se contaxian, os que máis contaxian á familia e a outros nenos e os que máis enferman pola epidemia gripal.

Autor: Pedro Gorrotxategi Gorrotxategi. Pediatra. Centro De Salud Pasaia San Pedro.

Cando falamos de gripe, sempre pensamos que é unha enfermidade que afecta fundamentalmente a adultos e persoas maiores, porque a eles diríxense as campañas de vacinación que anualmente organizan os servizos de saúde, pero esa suposición está totalmente afastada da realidade.

A gripe afecta moito aos nenos

Imaxe: Wikipedia
Imaxe: Wikipedia
Os nenos son os que antes se contaxian, os que máis contaxian á familia e a outros nenos e os que máis enferman pola epidemia gripal. O ano pasado, por exemplo, en xaneiro, a gripe aínda non afectara os adultos pero nos nenos menores de 4 anos xa estabamos en andazo desde varias semanas atrás. Este ano pasará o mesmo. A epidemia empezará nos nenos, logo chegará aos adultos.

É por iso que en Estados Unidos recoméndase a vacinación antigripal a todos os nenos maiores de 6 meses e realizan unha recomendación especial aos nenos que teñen entre 6 meses e cinco anos. Aquí non se recomenda unha vacinación universal nos nenos. Só se recomenda a vacinación nos que teñen enfermidades crónicas (cardíacas, pulmonares, renais, do sangue, diabetes), nos que teñen tratamento continuado con aspirina e nos nenos coa síndrome de Down.

Contaxio

O contaxio é de persoa a persoa, principalmente polo aire, a través das pinguiñas que se expulsan ao tusir, ao falar ou ao espirrar. Estas pinguiñas poden chegar ata a boca ou o nariz das persoas que están cerca. Tamén pode contaxiarse ao tocar un obxecto onde se depositaron esas pingas co virus e logo tocar os ollos, nariz ou a boca coas mans. O contaxio prodúcese desde un día antes de notar os síntomas ata sete días despois.

Síntomas

Os síntomas aparecen entre un e catro días despois do contaxio. O comezo adoita ser brusco. Os nenos adoitan ter febre alta, calafríos, malestar xeral, dor de cabeza e gorxa, dores musculares, cansazo, tose, secreción nasal e, ás veces, vómitos e diarrea. Estes síntomas adoitan durar aproximadamente unha semana. A tose e o cansazo poden durar máis. Nos nenos pequenos, o único síntoma pode ser a febre alta e o malestar. Os pais atopan ao pequeno queixoso, sen outras síntomas, xa que estes nenos non nos poden explicar os síntomas que completan o cadro (malestar e dores musculares) típicos dos nenos maiores ou dos adultos.

Normalmente, a enfermidade é leve, pásase soa, e moitas veces non é necesario nin ir ao médico. Con todo, existen datos que nos poden facer sospeitar que a visita ao pediatra é recomendable. Se o neno ten a respiración acelerada ou é dificultosa, se o neno ten unha cor azulada ao redor da boca ou nas mans ou pés, se está moi irritable e non se lle pode consolar de ningún xeito, débese consultar ao pediatra. Tamén, se teñen manchas vermellas na pel que non desaparecen ao facer presión sobre elas. Igualmente, convén a consulta nos nenos pertencentes aos grupos de risco antes citados, é dicir, menores de dous anos que padezan diabetes, asma, cardiopatías, etc.

Tratamento

Para a gripe non hai ningún tratamento curativo. Os antibióticos non fan nada contra o virus da gripe. Só se usan en certas complicacións. Pódense usar o paracetamol e o ibuprofeno para aliviar as molestias. Na maior parte dos casos, a gripe só necesita repouso, beber abundantes líquidos, alimentación sa, hixiene axeitada e lavado frecuente das mans para previr o contaxio

Prevención

Como xa expresei, a vacinación está indicada, fundamentalmente, para as persoas que forman parte dos grupos de risco. Unha precaución que se debe ter con respecto á vacinación da gripe é que non se debe administrar a persoas alérxicas ao ovo, xa que as vacinas cultívanse en ovos de galiña e poden conter restos desta proteína.

Unha particularidade da vacina da gripe en nenos pequenos é que, nos menores de nove anos, a primeira vez que se vacinan deben recibir dúas inxeccións cun mes de diferenza. Nas posteriores ocasións, cunha dose é suficiente.

Outra forma moi importante de previr a gripe é extremar as medidas hixiénicas. É dicir, taparse a boca e nariz cun pano ao tusir ou espirrar e lavarse as mans con frecuencia.

Conclusións

  • A gripe, máis forte ou máis suave, visítanos todos os invernos.
  • Os nenos son os que máis a padecen e os que máis a contaxian.
  • A gripe nos nenos adoita ser unha enfermidade leve, salvo nos pequeniños ou nos que teñen enfermidades crónicas.
  • Hai que vacinar a todos os nenos de risco para evitar que teñan complicacións graves.
  • É moi importante non levar o neno ao colexio ou gardería cando enferme e extremar as medidas hixiénicas para evitar os contaxios.

Bibliografía:
1- Ascorbe Salcedo R. Gripe. En: http://www.familiaysalud.es/enfermedades/infecciones/gripe
2- Centers for Disease Control and Prevention (CDC). Prevention and Control of Influenza with Vaccines: Recommendations of the Advisory Committee on Immunization Practices (ACIP), 2012. MMWR. 2012 Aug 17;61(32):613-618.
3- Aizpurua P. La gripe en los niños pequeños sobrecarga de forma importante las consultas y puede ser causa de hospitalización. Evi Pediatr. 2006;2: 79
4- Recomendaciones de vacunación frente a la gripe 2013-2014- Comité Asesor de Vacunas de la Asociación Española de Pediatría. http://vacunasaep.org/profesionales/noticias/vacunacion-frente-la-gripe-recomendaciones-aep-2013-14
5- Vacuna Intranasal. Centro de prevención de enfermedades.http://espanol.cdc.gov/enes/flu/about/qa/nasalspray.htm

Este artigo é cortesía da Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP)

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*