Inicio » Ciencia » Aplicación para mellorar as matemáticas en sesións de quince minutos

Aplicación para mellorar as matemáticas en sesións de quince minutos

smartickDestinada a nenos/as de entre catro e doce anos, os creadores afirman que mellora os resultados en máis dun 30%.

Smartick é o nome dunha aplicación en liña de aprendizaxe matemáticas para nenos de educación infantil e primaria, con idades de catro a doce anos, e tamén o nome dunha empresa creada en 2009 polo enxeñeiro Daniel González Vega e o economista Javier Arroyo.

A aplicación destes emprendedores estase utilizando en tres colexios públicos madrileños. Segundo explica Javier Arroyo a SINC, máis de 600 alumnos de primaria lograron mellorar un 30% os seus resultados en matemáticas nas probas CDI (Coñecementos e Destrezas Indispensables, realizadas) e un 40% en LEA (Lectura, Escritura e Aritmética) grazas ao uso de Smartick”.

As primeiras versións da aplicación ían dirixidas a alumnos de seis a doce anos, pero decidiron estendela a nenos de catro anos con exercicios que axudan a desenvolver unha lóxica matemática temperá. Como explica Arroyo, “o software xoga con conceptos como alto, baixo, diante, detrás, curto e longo; e hai tarefas para aprender a manexar o teclado e o rato”.

O método Smartick está programado para sesións curtas de quince minutos diarios, “un traballo sistemático que consegue que os nenos avancen en matemáticas e tamén melloren a súa capacidade de concentración e os seus hábitos de estudo”, di Arroyo.

Test de entrada

O alumno ten que facer un test de entrada que serve para fixar o seu punto de partida e detectar as súas carencias. Se o neno vai contestando ben, os exercicios irán aumentando en dificultade. En cambio, se non contesta correctamente ou tarda moito, o sistema detecta que son áreas que non domina e compón un plan de estudos personalizado no momento.

Tralo test de entrada, o alumno comeza coas súas sesións de quince minutos. “Isto é o que en pedagoxía se coñece como a práctica distribuída. Os beneficios desta técnica están documentados desde os anos 60. É moi simple: pouco, pero todos os días, con regularidade”, subliña o directivo.

O valor engadido desta aplicación é, segundo Arroyo, a súa adaptabilidade en tempo real. Se o alumno/a fallou, en pantalla móstrase en que se equivocou, xunto coa solución correcta. Entón propónselle o seguinte exercicio.”Se o alumno recibe unha valoración inmediata, responde moito mellor á aprendizaxe”, destaca o responsable.

Cando remata, o neno pode entrar nun mundo virtual con xogos para desenvolver habilidades cognitivas, como a visión espacial e a memoria. Ademais, atopará bonecos que pode decorar con colantes virtuais.

Ao finalizar, o titor, que poderá ser o pai, a nai ou o profesor, recibirá un correo electrónico onde se detalla o que traballou ese día, a hora de conexión, unha valoración de como o fixo e o que vai facer o día seguinte, indica Arroyo.

No plan de estudo de Smartick entre un 30% e un 40% é lóxica e razoamento. “Consideramos que aprender matemáticas é saber responder a un problema, xa sexa da vida real ou de enunciado; que un neno saiba discriminar a información relevante da irrelevante e que operación ten que aplicar. Cremos que as verdadeiras matemáticas consisten en pensar e saber aplicar as cousas”.

Smartick desenvolveu unha tecnoloxía propia e unha algoritmia “moi sofisticada” que se cambia cada catro ou seis semanas. “Trátase dun produto vivo que imos mellorando constantemente. Temos previsto incluír novos contidos de xeometría e álxebra”, di Javier Arroyo.

A empresa conta tamén coa colaboración dun equipo de pedagogos, por se fai falta algún axuste manual. “Non o facemos moi a miúdo porque desvirtuaría a idea, pero temos certa flexibilidade”.

O sistema pode ser utilizado tanto por colexios como por particulares. Neste último caso os prezos van de 25 a 39 euros ao mes por neno, dependendo do período de contratación e o número de nenos que se contrate.

A empresa, que conta cun persoal de 16 persoas, xa entrou en fase de equilibrio económico e está cavilando exportar o seu produto a Latinoamérica e ao mercado hispano de EE UU.

Fonte: Axencia SINC

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*